A Deputación de Ourense homenaxea á locutora Montse Estévez no marco do programa “8M, Mes a Mes”
A Área de Igualdade da Deputación de Ourense continúa a desenvolver o programa “8M, Mes a Mes”, unha iniciativa que ao longo do ano visibiliza referentes femininos da provincia en distintos ámbitos profesionais. Neste mes de febreiro, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio, a institución provincial rende homenaxe ás mulleres que lle dan vida e voz ás ondas radiofónicas, personificadas na xornalista Montse Estévez Varela, unha das voces máis recoñecidas e queridas da radio ourensá.
A deputada de Igualdade, Teresa Barge, subliñou que este recoñecemento “enmárcase no compromiso firme da Deputación de Ourense coa igualdade real e coa posta en valor do talento feminino da provincia”. Ademais, lembrou que o programa “8M, Mes a Mes” ten como obxectivo construír referentes, recoñecer traxectorias inspiradoras e contribuír a unha sociedade máis xusta, diversa e igualitaria. No caso deste mes, destacou que “Montse Estévez é unha voz que acompaña, permanece e se sinte sempre moi preto”.
Con case catro décadas de traxectoria profesional, Montse Estévez representa a esencia da comunicación radiofónica baseada na proximidade, na vocación de servizo público e no compromiso coa audiencia. A súa relación coa radio comezou sendo moi nova, con apenas vinte anos, en Radio Cadena Española, hoxe Radio Nacional de España, iniciando así un percorrido profesional que a levaría por emisoras como Radio Minuto, Onda Cero, Radio Voz, Telemiño e, desde hai 25 anos, Radio COPE (Ábside Media), onde continúa exercendo o seu labor.
Ao longo da súa carreira, Estévez Varela destacou non só pola súa profesionalidade, senón tamén polos valores humanos que sempre imprimiu ao seu traballo, como o compañeirismo, o respecto e unha fonda conexión coa oínte. A súa traxectoria é exemplo de constancia e vocación, e amosa como a radio segue a ser un espazo de encontro, información e acompañamento para a sociedade.