A Asociación Española contra o Cancro estreará un local na vella praza de abastos, cedido polo Concello de Verín
A presidenta da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Ourense, María Isidora Gómez Segade, e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, asinaron hoxe o acordo de colaboración, que permitirá a Asociación ter unha sede local en Verín, para cumprir de maneira máis efectiva os seus fins sociais na vila.
Esta mañá, a presidenta da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Ourense, María Isidora Gómez Segade, e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, asinaron un acordo de colaboración, no que o Concello lle cede a Asociación un local para que a AECC poida empregala como sede local en Verín e que os seus fins socias sexan máis efectivos na vila. A nova oficina da Asociación Española contra o Cancro estará situada na Praza García Barbón, concretamente na que era a Praza de Abastos antigamente, e o horario de atención será de luns a venres, fóra dos martes.
O acordo contribúe a que esta entidade sen ánimo de lucro poida ofrecer os seus servizos na vila dunha maneira moito máis próxima, presentando un apoio importantísimo ás persaos e familiares que padecen ou padeceron esta enfermidade (Gerardo Seoane, alcalde de Verín)
A importancia da implantación desta sede en Verín débese a que é unha das localidades da provincia máis poboadas e que contan cun Hospital Público no que se presta tratamento oncolóxico, asegou Gómez Segade.
Nesta reunión tamén estivo presente a técnico responsable da nova oficina local, Kelly Pereira, que explicou que o seu obxectivo será informar, apoiar e orientar ás persoas afectadas pola enfermidade, así como aos seus familiares, durante todo o proceso, dunha maneira máis próxima.
SERVIZOS OFERTADOS
A Asociación Española contra o Cancro ofrecerá neste local unha serie de servizos, todos eles gratuítos. Achegarán as campañas de prevención e información e realizarán charlas informativas, coa intención de cubrir a necesidade de información, dúbidas e novidades que poidan xurdir sobre a enfermidade e todo o que esta implica; así como talleres, actividades recreativas e grupos de apoio a pacientes.
A AECC inclúe nas súas actividades a de informar e orientar a través do servizo de atención social, no que se pode obter información de axudas económicas, préstamos de material ortoprotésico, prestacións sociais, información e tramitación de pisos de acollida gratuítos para pacientes e familiares desprazados dos seus domicilios habituais por recibir tratamento, etc. Tamén ofrecerán persoas voluntarias para o acompañamento en tratamentos e xestión de citas a domicilios.