martes. 16.04.2024
Viaxarán cigarróns, capuchóns, compadres, comadres e a banda de gaitas

Santiago adica a VI edición da súa Mostra do Entroido a Verín

A capital compostelá vibrará este venres coas chocas dos cigarróns de Verín. A súa sexta edición da Mostra do Entroido terá como protagonista á representación da festa máis senlleira da vila do Támega. Ata Santiago desprazaranse cigarróns, capuchóns, compadres, comadres e a Banda de Gaitas do Concello, para darlle a coñecer a alumnos, residentes e turistas de Compostela a verdadeira esencia da ancestral festa verinense. Xerardo Dasairas falará dos antecedentes históricos e das peculiaridades dun Entroido que coñece á perfección.

Cigarróns agardando a botar a correr no desfile.
Cigarróns agardando a botar a correr no desfile.

Verín terá, na sexta edición da mostra do Entroido compostelá, un indiscutible protagonismo. O vindeiro venres 22, xusto horas despois de que os Comprades abrisen de xeito efectivo tres semanas de troula na vila verinense, cigarróns, persoas disfrazadas con capuchóns, grupos de máscaras que emularán as noites máis características da festa entroideira e a Banda de Gaitas do Concello de Verín, percorrerán as rúas da cidade santiaguesa amosando aos seus residentes e turistas o potente colorido do Entroido local.

O evento está organizado por cinco centros educativos da cidade, e nel colabora tamén un da Estrada (Pontevedra). O salón de actos de Centro Integrado de Formación Profesional Compostela (CIFP), a praza do Centro de Educación Infantil e Primaria Lamas de Abade e as inmediacións do resto de institucións organizadoras serán os espazos onde se poderá presenciar á representación do Entroido verinense.

CONFERENCIA DE XERARDO DASAIRAS

Esta mostra do Entroido pretende achegar aos escolares, pero tamén á veciñanza asistente, as principais características da ampla variedade de Entroidos galegos. O verinense Xerardo Dasairas Valsa, autor do libro O entroido en terras de Monterrei (1990) e coautor de O entroido ancestral / Carnival in the past / El carnaval ancestral (2002), será o encargado, como bo coñecedor do Entroido da súa vila, de disertar sobre os antecedentes históricos, as características peculiares e o desenvolvemento específico do carnaval de Verín. A conferencia terá lugar no Salón de actos do CIFP Compostela, entre as 10 e ás 11 da mañá. Antes de que dé comezo o coloquio do exprofesor e investigador verinense radicado na actualidade en Cangas (Pontevedra), que colabora desinteresadamente nesta acción divulgativa; varios Xenerais da Ulla, interpretando Vivas! e coplas características, faranlle a recepción protocolaria á representación de Verín en Compostela.

PROGRAMA

A partir das 11 da mañá, a comitiva percorrerá a rúa Raiola, e a xeito de desfile, a embaixada do entroido verinense desprazarase posteriormente a outros centros da contorna (Aspanaes Duques de Lugo, Escola Infantil Raiola e IES Lamas de Abade), incorporándoos á festa, para finalmente dirixirse conxuntamente á praza do CEIP Lamas de Abade, onde cigarróns, capuchóns, grupos de compadres e comadres e músicos serán recibidos polos veciños da zona e o alumnado dese centro.

As actividades previstas rematarán ao mediodía, cunha degustación da gastronomía tradicional do entroido elaborada e servida polo profesorado e o alumnado dos departamentos de Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias do CIFP Compostela.

A todas as persoas que participen no evento entregaráselle un despregable, editado pola organización (Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros organizadores) con textos elaborados gratuitamente por Xerardo Dasairas e fotos cedidas polo Concello de Verín.

A administración local verinense apoia esta proposta educativa dos centros composteláns financiando o desprazamento das persoas de Verín que participarán nas actividades e facilitando a actuación da Banda de Gaitas do Concello. Ademais, fixo público o seu agradecemento ás familias do alumnado que integrará a embaixada verinense en Compostela e dos colexios e institutos de Verín, por aceptaren que se xustificasen por ese motivo as faltas de asistencia ás clases desa xornada escolar.

Santiago adica a VI edición da súa Mostra do Entroido a Verín