sábado. 20.04.2024
Residencia Santa Mariña, na rúa Ladeira de Xinzo de Limia. | FOTO: María Rodríguez.
Residencia Santa Mariña, na rúa Ladeira de Xinzo de Limia. | FOTO: María Rodríguez.

A consellería de Política Social, a través do boletín diario de casos en residencias do Sergas, vén de confirmar un novo gromo de alomenos sete persoas infectadas no centro residencial "Santa Mariña", de Xinzo de Limia

Só a residencia de Viana do Bolo mantiña un único positivo entre todos os residentes da provincia ourensá. Agora, dende este mércores, súmanse sete novos casos. 

"Dentro do esperable"

A área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco considera "dentro do esperable" que nunha "pequena porcentaxe de poboación" as vacinas fronte á Covid-19 "non sexan efectivas ou non protexan por completo", tras un gromo con sete usuarios contaxiados na Residencia Santa Mariña de Xinzo de Limia, onde os residentes recibiran as dúas doses.

Deste xeito, por parte do Servizo de Medicina Preventiva da área Sanitaria de Ourense, explicaron que "ningunha vacina, nova ou antiga, é efectiva ao 100%". "A resposta ás vacinas depende non só das características da mesma, senón tamén de factores relacionados coa persoa que a recibe", abundaron.

Por tanto, inciden as mesmas fontes sanitarias en que "a resposta vacunal pode ser menor nas persoas de idade avanzada, cuxo sistema inmunitario non é tan efectivo (vaise deteriorando progresivamente coa idade)". Así, indican que concorren, ademais, "procesos patolóxicos asociados ao envellecemento, ou máis frecuentes coa idade, como enfermidades crónicas, que fan que a resposta ás vacinas sexa menor".

Neste sentido, a xefa do Servizo de Medicina Preventiva en Ourense e membro do Comité Clínico, María Sande, recalcou que "ningunha vacina é efectiva ao 100%" e entra no "esperable que unha porcentaxe pequena non responda á vacina". "E é esperable que esa porcentaxe sexa maior nos maiores porque o seu sistema inmunitario non funciona igual", matizou.

Por parte de Medicina Preventiva sinalan que segundo os datos oficiais sobre o papel da vacinación, que coincide coa "caída da terceira onda", os casos en residencias durante o mes de febreiro "reducíronse de modo significativo". E inciden en que "as vacinas están a responder ás expectativas derivadas dos ensaios clínicos".

 

Manter as medidas segue sendo imprescindible

"As vacinas fronte á Covid-19 preveñen fronte á enfermidade, tanto sintomática como asintomática, e fronte a hospitalizacións e enfermidade grave, mostrando pois efectividade en vida real", abundaron as mesmas fontes sanitarias, que apuntan que "hai datos que suxiren un 83% de redución de mortes por Covid-19".

Debido a iso, as autoridades sanitarias lembran que mentres non haxa "unha ampla cobertura vacunal da poboación" resulta "imprescindible" seguir co cumprimento das medidas de prevención habituais, como o uso de máscara, distancia física, hixiene de mans e diminución de interaccións sociais.

Casos de Covid na comarca

Analizando os datos sobre casos de Covid-19, apréciase unha baixada en todos os concellos, dende o pico alcanzado tras o Nadal. En gran parte dos municipios non hai ningún positivo detectado e noutros como Baltar, Os Blancos, Rairiz de Veiga, Trasmiras e Vilar de Barrio, únicamente hai un ou dous. En Xinzo de Limia, o número é máis alto que no resto, sen embargo, sitúase por debaixo do umbral dos 10 contaxios

Gromo con sete positivos na residencia Santa Mariña de Xinzo de Limia