viernes. 19.04.2024
Arraigadas á Terra, en Medeiros
Arraigadas á Terra convocou en Medeiros (Monterrei) a máis dun cento de asistentes. | FOTO: Noelia Caseiro.

Os máis dun cento de presentes na explanada de Medeiros onde se estreou Arraigadas á Terra tiveron que agardar cáseque unha hora a que comezara a reprodución. Tiñan moitas ansias de saber que lle contaran a decena de mulleres entradas en anos a Iris Justo e achegáronse incluso antes de que a intensidade lumínica baixase o suficiente como para ver o documental con maior precisión. Sen embargo, pagou a pena agardar. O baño de realidade das protagonistas foi tal que ninguén saíu indiferente dun traballo audiovisual que reflectiu, como seguro xa ninguén lembraba, a dureza coa que as avóas de oitenta e algúns máis anos -coma o caso de María Paulos- da comarca pasaron os seus primeiros lustros de vida. 

Iris JustoA directora do documental, Iris Justo, dirixíndose ao público en Medeiros (Monterrei). | FOTO: Noelia Caseiro. 

Houbo quen arrincou algún que outro sorriso, coma o caso de Margarita González, de Santa Baia de Montes (Cualedro), unha das entrevistadas; cando contou o caso de como renunciou ao mozo de Penaverde porque non tiña a seguridade de que acabaría vestindo o uniforme da Garda Civil, que era a única posibilidade que tiñan os varóns desa aldea de conquistar ás de Santa Baia, onde os "capitais eran mellores cos de Penaverde". Pero, abofé que en toda a proxección do documental, a crudeza das súas declaracións, da maioría, foron as que máis chegaron ao público. 

Os asistentes á estrea tiveron que escoitar como os pais de entón non apostaban pola formación das súas fillas, preferindo que as súas pequenas mulleres cumprisen como pastoras de ovellas e executantes das tarefas domésticas antes de que chegara o momento de casalas. Ou como unha das protagonistas relataba que era seu irmán, que si sabía ler porque si fora designado para ir á escola, quen lle lía as cartas do namorado e lle transcribía á irmá o que ela lle quería contar ó mozo. Marisa Diéguez, unha das avantaxadas entrevistadas -nunca casou e formouse como mestra-, lembrou como un pai foi quen de retirar á súa filla da compaña dun varón porque "dicía que el quería que a súa filla fose monxa".

Por non lembrar a ignorancia que a esas mulleres lle transmitían nais e avóas en cuestións tan relevantes coma a maternidade, facéndoas crer que nin coa menstruación ou incluso logo do parto era necesaria a hixiene, máis ben todo o contrario: "Sempre nos dicían que non se podía lavar un", relata outra das entrevistadas, quen cunha pormenorizada descrición conta como unha noite, dous ou tres días despois de dar a luz, viuse na obriga de desinfectar os seus xenitais con auga osixenada porque "todo aquelo que me quedara alí queimábame de tal xeito que era incapaz de durmir", sinalaba. 
Así, con evidencias tan descanardas, Iris Justo, da man do Centro da Información da Muller da Mancomunidade de Verín, recolleu testemuñas tamén sobra a emigración -"botaba o día chorando porque deixara a miña familia aquí, aínda que no traballo estaba moi ben"- ou sobre unha das saídas máis recurridas das súas protagonistas, a de servir para os "señoritos" da capital: "A todo se acostumaba un, eles marchaban para a cama e deixábanme unha chea de roupa para planchar pola noite. Caíame encima da plancha, moitas noites, co sono", escoitaron os presentes. 

Arraigadas á Terra, en Medeiros.Un momento da proxección do documental que este domingo se estreou na comarca. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Todas as testemuñas atopaban a explicación académica de María Lameiras, quen tentaba xustificar co contexto histórico cal era a realidade pola que estas mulleres bravas soportaban e soportaron o que lles tocou vivir: "Naceron para servir, para servir ao marido, á Patria e a Deus", afirmaba nunha das súas intervencións, pero nada tan dura como escoitar de Tomasa, unha das veciñas de Vilarello, en Vilardevós, que había "pais que tiñan ás fillas tamén para a cama". 

Así, unha tras outra, declaracións revivindo a historia vital dunha ducia de loitadoras que chegaron ata os nosos días para contalo, cunha resignación a proba de bomba e cun convencimiento que resume a centenaria María Paulos, de Oímbra: "Se as mociñas de agora tiveran que vivir o que nos pasamos, morrían antes". 

O documental percorrerá todos os municipios integrantes da Mancomunidade de Verín. Perdelo será unha verdadeira irresponsabilidade se o que queren é coñecer o que se ten andado e o que, sen dúbida, nunca se pode volver a repetir. Vindeira cita, Vilardevós, o 18 de setembro. 

Arraigadas á Terra: "Nacidas para servir ao marido, á Patria e a Deus"