O Nadal en Verín non sería o mesmo sen os pequenos músicos do Conservatorio
A gala, xa clásica, de Nadal do Conservatorio de Música de Verín propiciou outro cheo no auditorio da vila e serviu tamén para lle render unha pequena homenaxe a un músico de Vilardevós, Vicente Fernández Barreira, torneiro metido a compositor con dotes para fabricar gaitas e facer música, como a que compuxo na honra do seu veciño Ángel Barja.
A coral polifónica "Beato Sebastián Aparicio" foi unha das convidadas ao evento.
Os últimos cheos ata a bandeira do auditorio de Verín moito tiveron que ver coa cativada que se forma dentro del, os alumnos do seu conservatorio. Este sábado, un cento de cativos agasallaron ao público cos seus avances na formación musical e non desaproveitaron a ocasión para, unha vez máis, manifestarlle aos responsables políticos municipais maior pulo na consecución do primordial obxectivo, que non é outro que facer do de Verín un conservatorio profesional que manteña a aqueles incipientes músicos á carón da cara sen teren que desprazarse, como mínimo, ata a veciña vila de Xinzo de Limia.
Vídeo da interpretación de "Viento del Norte", da man da Coral Polifónica "Beato Sebastián Aparicio" de A Gudiña.
A gala de Nadal foi áxil, animada e ata de grande implicación por parte do público asistente cara o final, froito da intervención, como presentadores, de dos dos membros integrantes da compañía verinense de teatro Namarela, Enrique Rodríguez e Miguel Tomé. O programa estaba, con non podía ser doutro xeito, repleto de composicións de nadal, aínda que tamén houbo algunha lembranza a bandas sonoras, pasodobles ou mesmo a coñecidos temas de bandas londinenses.
A primeira parte do concerto estivo protagonizado por algúns solos, dúos e pequenas agrupacións de músicos segundo o seu instrumento. A organización do evento deixou para o remate os pratos máis fortes: a actuación da coral polifónica "Beato Sebastián Aparicio" de A Gudiña, a coñecida como "ChiquiBand", o coro do conservatorio e a súa banda de música, que interpretou a dúo un clásico -"Rolandito"- con Vicente Fernández Barreira, o músico de Terroso (Vilardevós) que acabou entregando a gaita que el mesmo fabricou. Antes, a agrupación "maior" do conservatorio interpretara o pasodobre "Ángel Barja", que o gaiteiro de Vilardevós compuxo na honra do tamén músico de Terroso.
Rematou a gala coa entrega de agasallos por parte de Asociación de Nais e Pais do conservatorio ao coro de A Gudiña pola xentileza de responder á invitación, e tamén aos dous varóns integrantes da compañía de teatro Namarella, presentadores circunstanciais do evento.