Entende que non se manterán as condicións mínimas de seguridade
O alcalde en funcións de Viana suspende a feira deste xoves pola Covid
11 de enero de 2022 (11:24 h.)
O alcalde en funcións de Viana, Andrés Montesinos, vén de facer público un bando no que suspende a feira do vindeiro 13 de xaneiro de 2022 ante a elevada incidencia dos casos da Covid no seu municipio.
Onte, luns, Viana rexistrou 90 casos activos. Segundo o rexedor accidental, logo da renuncia de Abelardo Carballo, "ao non poder garantir as condicións mínimas de distancia e de seguridade necesarias en relación ao aforo en espazos públicos, e co fin de evitar que a actividade económica municipal se vexa abocada a unhas medidas máis restritivas, sobre todo no sector hostaleiro; a celebración da feira no Concello de Viana para o vindeiro 13 de xaneiro queda suspendida até novo aviso", recolle de xeito literal o bando de Montesinos Rodríguez.