As terras do Riós volven ser escenario da defensa do mundo rural grazas á iniciativa organizada por Rubén Riós

"Latexos do Rural" para render homenaxe á #GaliciaBaleirada

Esta fin de semana, Riós volve latexar na defensa do mundo rural.

Unha fin de semana chea de actividades que pretenden dar continuidade ó Festival das artes escénicas e ó compromiso do actor coa súa terra. Música, fotografía, libros, arte, cultura, homenaxes e gastronomía para facer latexar ó mundo rural. Entre os convidados estarán o Padre Ángel e Sylvana Mestre, que porán nome a un dos castiñeiros da Ruta do Talento, pero tamén Matías Roure, o televisivo camareiro de First Dates, e moitos veciñas e veciñas da terra que loitan por manter vivo o rural.

Que Rubén Riós é un namorado da súa terra é ben sabido por todos. Non deixa de demostralo día a día. E, nesta fin de semana, haberá unha proba máis delo. Celébrase Latexos do Rural, unha iniciativa promovida polo actor que da continuidade ao que fora o Festival das artes escénicas que el mesmo organizaba.

Un evento que mestura diversas artes creativas, recoñecementos a persoas implicadas en acadar unha sociedade mellor, defensa do mundo rural e homenaxes á natureza, ás tradicións, ás mulleres rurais e a súa terra. Como se dun cóctel se tratara, Latexos do Rural é a receita saída da cabeza e do corazón de Rubén Riós para declarar o amor que sinte pola súa terra.

Durante dous días, venres 22 e sábado 23 de novembro, as terras do Riós recibirán a visita de coñecidos persoeiros da man do actor, pero tamén serán importantes convidados os propios habitantes do concello, ben a título persoal ou como membros das distintas asociacións que participarán no evento. Un querer unir a todos os que traballan en prol da defensa da #GaliciaBaleirada.

A Banda de Gaitas, a Coral Cantarela, Os da Trisca e o Grupo Instrumental do Riós serán homenaxeados en "Latexos do Rural".

Será o venres, ás 19:00 horas cando Latexos do Rural comece a palpitar no Salón de Actos do Riós. E o fará co apadriñamento da Asociación Cultural Os Queimas, un grupo de veciños e veciñas de Castrelo de Cima que leva tempo loitando por manter o rural vivo. Unha tarde dedicada ós recoñecementos a persoas e colectivos da terra. 

Ó longo da tarde do venres, a Banda de Gaitas, a Coral Cantarela, Os da Trisca e o Grupo Instrumental do Riós recibirán un merecido recoñecemento "por poñer a banda sonora durante tantos anos ao noso amado rural", subliñan dende a organización. Será tempo, tamén, para recoñecer a título póstumo o espírito emprendedor de Marité.

LIBROS E FOTOGRAFÍAS

Neste cóctel de amor pola súa terra que sinte Rubén Riós hai dous ingredientes artísticos importantes: a lectura e a captura de imaxes da vida mesma. O venres abrirase a exposición da fotógrafa tomiñesa Pily Reñones, nomeada ós premios Goya de Fotografía polo seu retrato "Holanda" e homenaxeada en Latexos do Rural "pola súa forma de mirar". Unha mostra fotográfica, "As Nosas", que capta momentos cotiás das mulleres do rural galego e que se poderá ver no mesmo Salón de Actos do Riós.

"Holanda" retrato da fotógrafa Pily Reñones nomeado ós premios Goya de Fotografía na categoría de Gráfico Documental.

Pouco máis tarde será a quenda da presentación do libro A misa das náufragas, por José Romero P. Seguín. Unha presentación que contará coa lectura do mesmo nunha actividade que pretende implicar ós e ás participantes no amor polos libros e na importancia da cultura.

BAUTISMO DE CASTIÑEIROS

O sábado será o día das homenaxes a persoas senlleiras que levan anos loitando por acadar unha sociedade mellor. A Praza do Cruceiro do Riós recibirá, ás 11:30 horas, ó Padre Ángel e a Sylvana Mestre nun acto amenizado pola Banda de Gaitas do Riós.

Sylvana Mestre é a única española distinguida coa orde paralímpica por toda unha vida dedicada á formación e defensa do deporte adaptado. Ela participa na categoría de slalon xigante como deportista e é cofundadora de Play and Train, asociación que traballa polo acceso á práctica, aprendizaxe e formación de actividades deportivas independentemente das capacidades, xénero ou idade das persoas.

O creador da ONG Mensajeros de la Paz, o Padre Ángel, é ben coñecido polas súas múltiples accións humanitarias e sociais. Latexos do Rural vaino homenaxear pola "transformación da igrexa de San Antón nun lugar inclusivo e de acollida para os máis desfavorecidos".

O Padre Ángel, fundador de Mensajeros por la Paz, porá o seu nome a un dos castiñeiros da Ruta do Talento como homenaxe ó seu labor en rol dos máis desfavorecidos.

Ambos serán os padriños de cadanseu castiñeiro, poñendo o seu nome ás arbores que dan forma á Ruta do Talento. O acto bautismal será ás 13:30 horas, presentado por Matías Roure, o televisivo camareiro de First Dates. Pouco despois chegará a hora do xantar, cunha sobremesa que contará coas actuacións de Antonio Luz e Miriam Salgado, entre outros. Será o punto final de Latexos do Rural.