O Riós abre o prazo para o aluguer dunha vivenda social por 200 euros ao mes
O Concello do Riós iniciou o proceso para a adxudicación dunha vivenda social en réxime de aluguer situada no núcleo de San Cristovo. Esta iniciativa busca facilitar o acceso a un fogar digno a persoas ou unidades familiares empadroadas no municipio que carezan de vivenda en propiedade.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde o 13 de xaneiro ata o 2 de febreiro de 2026, ambos os dous días incluídos. O inmoble conta cunha superficie de 96,92 m² útiles e está distribuído en tres dormitorios, cociña, salón, comedor e baño. Ademais, a vivenda entrégase equipada con electrodomésticos básicos e conta cun sistema de calefacción mediante estufa de pellets.
O prezo do aluguer fíxase en 200 euros mensuais, esixíndose unha fianza inicial equivalente a unha mensualidade. Os interesados deben ser maiores de 18 anos, estar empadroados no Concello do Riós e acreditar uns ingresos familiares situados entre o 0,7 e o 3,5 veces o IPREM. A vivenda deberá destinarse obrigatoriamente a domicilio habitual.
A adxudicación realizarase mediante un sistema de baremación cun máximo de 23 puntos. Entre os criterios de valoración destacan a necesidade de vivenda por motivos laborais no Riós, o número de membros da unidade familiar, a presenza de menores, o nivel de ingresos e situacións de discapacidade ou vulnerabilidade social. As bases completas poden consultarse na sede electrónica do concello ou presencialmente nas oficinas municipais.