Conclúe a identificación dos propietarios das 660 parcelas afectadas

O polígono agroforestal de Pousada mobilizará preto de 94 hectáreas no Riós | NOTICIAS VERÍN

A directora xeral de Agader, Paz Rodríguez (centro), coa rexedora do Riós, Eva Barrio, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. | FOTO: Noelia Caseiro.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou, na compaña de rexedora municipal, Eva Barrio, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; os terreos nos que se implantará o futuro polígono agroforestal de Pousada, localizado no concello do Riós. Esta iniciativa sectorial permitirá poñer en valor e mobilizar preto de 94 hectáreas de terreo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. O proxecto do Riós forma parte dos 29 polígonos agroforestais impulsados no territorio galego, dos cales 15 se sitúan na provincia de Ourense.

Durante o percorrido polas zonas afectadas, a directora xeral supervisou directamente os labores de roza que se están a executar na actualidade. Do mesmo xeito, confirmouse que xa se resolveu o proceso de investigación da titularidade das máis de 660 parcelas que integran o perímetro deste polígono agroforestal. Este trámite técnico constitúe o paso previo imprescindible para iniciar a recollida de compromisos de adhesión formal ao proxecto por parte dos propietarios.

Durante a visita, un tractor realizaba labores de desbroce no perímetro do futuro polígono. | FOTO: Noelia Caseiro.

Na fase actual de desenvolvemento, centrada na redacción do proxecto básico, lévanse a cabo actuacións como o estudo de viabilidade, a revisión detallada do parcelario, a delimitación de exclusións e a propia investigación catastral.

As directrices técnicas determinan que as actividades principais deste espazo produtivo serán a implantación de cultivos leñosos e o aproveitamento de castaña. Como usos secundarios e complementarios, recóllense o sistema agroforestal e os cultivos de ciclo curto. Respecto das modalidades gandeiras que se poidan implantar, estas deberán desenvolverse baixo o réxime de gandaría en extensivo, outorgándose prioridade de acceso a aquelas explotacións que aposten pola produción integrada ou polo selo ecolóxico.

Estas ferramentas públicas teñen como finalidade recuperar a actividade agrícola, gandeira ou forestal en contornas con capacidade produtiva que se atopen en estado de infrautilización ou abandono. Con iso procúrase optimizar a estrutura territorial das explotacións profesionais xa existentes ou propiciar o nacemento de novas iniciativas empresariais no medio rural.