sábado 19/09/20
A Corporación municipal pide prudencia e responsabilidade social ós veciños da localidade

Tres novos positivos suben ata oito os infectados no gromo detectado en Riós

Os tres casos novos pertencen ó Concello de Riós e puideron ser notificados ó estudar os contactos estreitos do gromo que xa afecta a oito persoas en total -neste municipio e no de Castrelo do Val-.

Centro de Saúde de Riós. | FOTO: Recuperada.
Centro de Saúde de Riós. | FOTO: Recuperada.

Segundo comunican fontes do Servizo Galego de Saúde, a data de hoxe, venres 4 de setembro, logo de realizarse as PCR ós contactos estreitos do gromo localizado no municipio de Riós, hai tres positivos máis.

En total, o número de afectados deste mesmo gromo ascende a oito: dous deles atópanse en Castrelo do Val e os outros seis, en Riós.

Segundo asegurou o alcalde, Francisco Armando Veiga, o surto provén do Concello de Castrelo do Val, onde hai dous contaxiados, na localidade de Monteveloso.

Unha xuntanza para coller patacas entre veciños dos dous municipios podería ter provocado a expansión do coronavirus ata o Concello de Riós, onde se rexistraban tres contaxiados o pasado mércores, 3 de setembro.

As probas PCR que, ata este momento, resultaran negativas na localidade, notificaron na xornada de hoxe tres novos casos que agora se coñecen en Riós e que aumentan a oito o número de infectados neste gromo.

Así o corrobora a Corporación municipal, que pide cautela e manter o mínimo contacto social a todos os veciños e veciñas de Riós; especialmente ós de San Pedro de Trasverea -parroquia de Trasestrada- para que non se propague o virus.

O Concello de Riós recorda -como xa o fixera o propio rexedor municipal- que non se debe criminalizar a ningunha persoa contaxiada e fai un chamamento á responsabilidade social. 

Tres novos positivos suben ata oito os infectados no gromo detectado en Riós
comentarios