viernes. 19.04.2024
O actor e director Rubén Riós, explica en que consiste esta nova edición da súa iniciativa Latexos do Rural. | VÍDEO: M. Ceballos

Que é un namorado da súa terra é algo indiscutible cando falamos do actor e director Rubén Riós, pois leva máis de 20 anos organizando eventos e actividades en pro da cultura local. Hoxe presentou no Auditorio Municipal de Verín o seu último traballo, "Latexos do Rural no Camiño", unha iniciativa baseada na peregrinación artística por varios concellos da comarca. Esta ruta, co telón do Camiño de Santiago de fondo, vai ser levada a cabo por varios artistas locais que hoxe acompañaron a Riós no evento. "Todos teñen gran paixón e creatividade. Por iso é tan importante falar de latexo. Ten unha parte positiva pero tamén negativa porque ese latexo ás veces pode parar. Esta actividade cultural chea de xente comprometida co rural non debería parar. Xuntos fagamos que o rural lata máis forte que nunca", pediu Riós. 

IMG-3575O organizador, Rubén Riós, acompañado por cinco dos artistas, o director do CMUS e representantes dos gobernos locais da comarca. | FOTO: M. D.

E por iso, creou esta nova edición de Latexos do Rural enfocada en artistas que, segundo o director, "non crean para ser vistos senón para o rexurdir dos lugares onde naceron". Entre eles destacan un actor que decidiu renunciar á súa carreira no mundo da interpretación por dar clases de teatro no rural, Santi Cañaveral; un fotógrafo que editou un libro coas súas fotografías e entregou máis de 4 mil copias de maneira desinteresada, Ramón Fernández; unha poetisa de Laza que reivindica coas palabras o lugar do rural de onde nunca debeu marchar, Carmen Rivero (quen recitou uns versos da súa obra Gallaecia) ou un deseñador de Viana do Bolo que hai uns días foi subcampeón de España de artistas da moda, Jorge De Álvarez. Tamén Paulinha D´Arzoá, acuarelista que mostra a través dos pinceis todos os conceptos de beleza e que, ademais, conquistou a Rubén Riós pola súa voz

Os cinco, e mailo director do CMUS, Álvaro Blanco, interviñeron na presentación. Tamén os representantes políticos da comarca que coincidiron na necesidade de mobilizar a actividade cultural e convidaron ás Administracións galegas a incentivar este tipo de iniciativas, xa que “axudan non só a dinamizar os nosos concellos, senón a promover a artistas das nosas vilas e aldeas”. Participaron a concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza; o alcalde de Riós, Francisco Veiga; José María Lago, alcalde da Gudiña e Moncho Barreal, alcalde de Laza. O concello da Mezquita, que tamén apoia ao proxecto, non tivo presenza física no acto por un imprevisto profesional do seu alcalde, Rafael Pérez, ao que o director quixo enviar un afectuoso saúdo. E como representante da Xunta de Galicia acudiu Ildefonso de la Campa, director de administración do Xacobeo. Entre o público vimos xente coñecida dos veciños da comarca como o presidente do Verín C. F., José Manuel Zubiela ou a vicedirectora do IES Xesús Taboada Chivite, Josefa Pérez. Rubén Riós quixo destacar, antes de despedir o evento, "a importancia de apostar polo deporte e a educación no rural" e agradeceulle a ambos representantes a súa asistencia. Presentouse tamén de xeito inédito, o vídeo de presentación desta edición con imaxes exclusivas dos artistas locais, os verdadeiros protagonistas desta peregrinación artística.

Este festival itinerante visitará durante catro sábados consecutivos os municipios ourensáns da Mezquita, Riós, A Gudiña e Laza, onde serán realizadas actividades relacionadas coas sete disciplinas que engloba o proxecto. A iniciativa, organizada pola Asociación Cultural da Castaña, está enmarcada no programa 'O teu Xacobeo', que financia o 95% do proxecto, coa idea de promocionar a arte na Vía da Prata

A primeira parada: A Mezquita

A Mezquita será a primeira parada desta peregrinación artística. Este sábado 5 de xuño a partir das 11 da mañá abriranse as portas do Edificio Multiusos para recibir a tódolos asistentes. No propio edificio haberá unha exposición fotográfica asinada por Ramón Fernández, xunto cunha exposición de pinturas exclusivas creadas para esta edición da acuarelista Paulinha D´Arzoá. A artista acompañará ás 12, na Biblioteca do mesmo edificio, a Carmen Rivero, quen recitará os seus poemas mentres D´Arzoá realiza unha performance interpretativa dos seus versos. Xa pola tarde, a partires das cinco, retomarase a actividade cunha peza teatral inédita interpretada por Santi Cañaveral. A partir das seis e cuarto, na escalinata exterior, o estilista Jorge de Álvarez presentará a súa colección exclusiva inspirada na relixión e o Camiño de Santiago cun novedoso desfile de moda. Para rematar, no Campo anexo do Edificio Multiusos, terá lugar un concerto en formato dúo e trío do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Verín que rematará ás oito da tarde.

NOTICIAS VERÍN | Rubén Riós presenta en Verín "Latexos do Rural no Camiño" acompañado...