viernes. 19.04.2024
Concello de Riós.
Concello de Riós.

O alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga, reuniuse no día de onte coa Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, para avanzar en trámites que axilicen a aprobación definitiva do seu PXOM -Plan Xeral de Ordenación Municipal-.

Segundo confirmou o rexedor, "acudimos á Dirección Xeral de Urbanismo para que se poñan en contacto coa Confederación Hidrográfica e nos aproben unha captación de auga que se fixo nova e se está retrasando. Así poderemos continuar coa aprobación definitiva do plan", explicou. 

Este trámite sería o único faltante dun PXOM que xa está redactado, adaptado á nova Lei do Solo e aprobado provisionalmente. "Temos todos os informes sectoriais dos órganos competentes excepto o da CH", sinalou Veiga. 

Á reunión tamén acudiron técnicos de urbanismo, do equipo de redación do plan e a técnica de urbanismo do municipio, Montse Afonso.

Centro de Día

No tocante ao Centro de Día, que actualmente se atopa en construción baixo unha inversión de arredor de 500.000 euros, Veiga mostrouse optimista. "As obras van a moi bo ritmo, van avanzadas e creo que se rematarán en prazo", afirma, referíndose ao remate da estrutura do edificio, prevista para o día 30 de outubro.

"Unha vez rematado, hai que conseguir financiación para o mobiliario e facer contratacións", engade, polo que estará listo para funcionar, previsiblemente, no vindeiro mes de marzo do 2022.

NOTICIAS VERÍN | Riós, a un paso da aprobación definitiva do PXOM