Ata onte, cinco localidades tiñan servizo seis horas ó día

NOTICIAS VERÍN | As chuvias alivian as restricións para subministrar auga en Riós

A tan ansiada chuvia chegou a Riós para aliviar os problemas de subministro coa auga.

Os veciños de Riós, polo momento, xa poden respirar tranquilos ao restablecerse con normalidade a subministración de auga municipal nas localidades das Vendas, Riós, Romariz, Marcelín e Ferreiras. As chuvias de onte, permitiron que o Concello tomase a decisión de levantar as restricións que afectaban a estes cinco núcleos de poboación, que tiveron dende a fin de semana só seis horas de auga ó día -tres pola mañá e outras tantas pola tarde-.

O problema coa seca xa viña de atrás en Riós. A principios de agosto, a alcaldesa, Eva Barrio, xa pedía á veciñanza que controlase os seus consumo ante a escaseza para evitar que se aplicasen restricións. Isto foi inevitable e, o 25 de agosto, procederon a cortar o subministro durante a noite nas Vendas, Riós, Romariz, Marcelín e Ferreiras.

 

A situación seguiu empeorando, pese as peticións de facer un uso responsable da auga por parte do Concello, e o 1 de setembro anuncio que só se daría servizo seis horas ó día nesas localidades. Os problemas non quedaron aí. Nesa mesma noite, o bombeo da zona de captación de auga estragouse e precisaron dun camión cisterna para abastecer o depósito mentres se facía o arranxo, que se rematou o día 2.

Por todo isto, en Riós celebraron cada gota que caeu do ceo e esperan que siga chovendo nestes días. Barrio agradeceu a todos os veciños "pola paciencia e a comprensión ante a situación vivida", pero recorda a importancia de "non baixar a garda en relación ao consumo" para evitar que isto volva ocorrer.

Bando informativo coa restauración do subministro de auga con normalidade en Riós.