Novidades para bens culturais

López Campos aborda coa alcaldesa do Riós a axilización de trámites na Lei de patrimonio cultural

O conselleiro José López Campos e a alcaldesa Eva Barrio durante a súa xuntanza de traballo en Santiago.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo este martes unha xuntanza coa alcaldesa do Riós, Eva Barrio, para analizar as vantaxes da adaptación da Lei do Patrimonio Cultural. Esta modificación, prevista na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016, ten como obxectivo principal axilizar os trámites e reducir os tempos de espera tanto para a cidadanía como para as institucións.

Durante o encontro, o representante da Xunta explicou que os cambios permitirán garantir unha protección máis eficazdos bens patrimoniais sen que o seu coidado supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos profesionais ou vitais. Na actualidade, a administración galega xestiona preto de 30.000 expedientes anuais con prazos de resolución que oscilan entre os seis e os doce meses.

Ademais da normativa patrimonial, López Campos e Eva Barrio afondaron noutras cuestións relevantes para o municipio ourensán, como a mellora das infraestruturas culturais locais. O conselleiro subliñou que Galicia é a única comunidade que informa actualmente sobre bens de todo o territorio, independentemente do seu grao de protección, o que motiva esta necesidade de reducir a carga burocrática.