A IMAXE… | Da renovada Fumaces, no Riós
O municipio de Riós segue avanzando no seu plan de mellora de infraestruturas, impulsado pola alcaldesa Eva Barrio. Os traballos de reforma e mellora da rúa principal do núcleo de Fumaces xa están rematados, unha actuación enmarcada no Plan Hurbe do Goberno galego que ten como obxectivo mellorar a accesibilidade e potenciar o valor paisaxístico da contorna do Camiño de Santiago.
A obra, cuxo convenio se asinara en xullo de 2024, consistiu no levantamento do pavimento existente, a reparación de tramos deficientes na canalización de augas pluviais e a instalación dun novo pavimento na sección pola que discorre a Vía da Prata. Este proxecto é un paso máis na folla de ruta da alcaldesa para impulsar o turismo na zona e ofrecer mellores servizos á veciñanza.
Onte, a alcaldesa Eva Barrio e o secretario da comunidade de montes, Pablo Álvarez, mostraban o resultado das obras ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e á directora territorial de Vivenda, Pilar Fernández. A finalización desta obra súmase á recente recuperación doutros espazos, como as antigas fontes de Castrelo de Cima e da Trepa.