Este venres, día 16 de abril, ás 21:00 horas, na canle de YouTube de Orgullo Galego, poderemos ver o novo episodio de "Arrieiros somos", de Rubén Riós, rodado integramente no concello de Riós.
Dentro do seu afán de visibilizar o rural galego, Rubén Riós, natural do concello que lle dá o seu nome artístico, adica esta serie-documental aos maiores. Eses maiores cunha educación das de antes, con valores dos de antes, e que el tanto admira. Así, mostra e pon en valor a realidade do rural a través das vidas de persoas concretas, que simbolizan o que significa ser e vivir no rural galego -sen críticas, simplemente mostrando a importancia desa vida de forma sinxela pero intensa-. “Atopeime ca soidade nos pobos, que xa estaba antes do covid e estará, esa que agora se multiplicou e nos leva a un impacto na saúde mental moi forte”, di o director ourensán.
Neste episodio de "Arrieiros somos" nárrase o lonxevo amor entre dous veciños do concello, como perdurou no tempo, e como continúa na actualidade. Os protagonistas son Eladio e Marina, dous rienses que se namoraron cando aínda eran uns simples adolescentes e que hoxe, máis de setenta anos despois, seguen tan namorados coma o primeiro día.
Toda unha vida
Son setenta anos de amor incondicional que o artista plasmou en imaxes da súa vida e nos testemuños do amor que se profesan. Testemuños coma o de Marina, quen nos conta que soamente pide saúde para gozar da compaña do seu home, Eladio, un cesteiro de 95 anos de idade namorado da xente que traballa por Galicia.
A rodaxe deste episodio, realizada a primeiros deste ano, foi levada a cabo en diversos puntos do concello de Riós, mostrando no documental as marabillosas e fermosas paraxes das Ventas da Barreira e a Serra da Urdiñeira, entre outros.
É un proxecto audiovisual que -segundo o seu propio director-, "nace non só coa necesidade de entreter, aínda que o está a facer, senón coa necesidade de empoderar a un colectivo que, en xeral, creo que nestes momentos é pouco escoitado e pouco valorado, que son as nosas persoas maiores”. E que nesta pandemia se converteron nun dos colectivos máis golpeados.
Este traballo puidose levar a cabo grazas ao Concello de Riós e á aposta da empresa Xadigal, patrocinadora oficial dos doce capítulos desta serie-documental.