xoves 22.08.2019
Sara Salgado e Diana Calvo acadaron o primeiro e sétimo posto

Dúas nenas do CEIP Amaro Refojo, entre as dez mellores do mundo nos campionatos internacionais de cálculo mental

Sara e Diana xunto co alcalde en funcións e o tenente alcalde en funcións, hoxe, no Concello de Verín. Fonte: Carlos Montero.
Sara e Diana xunto co alcalde en funcións e o tenente alcalde en funcións, hoxe, no Concello de Verín. Fonte: Carlos Montero.

Sara Salgado Rato, de dez anos de idade e Diana Calvo, de once anos, alumnas de quinto Curso de Educación Primaria do CEIP Amaro Refojo, alcanzaron o primeiro e sétimo posto, respectivamente, entre os 41.370 participantes da súa categoría, nos campionatos escolares internacionais “SuperTmatik” de cálculo mental.

Este campionato celébrase a nivel mundial vía internet, e está destinado ao alumnado do ensino básico de escolas públicas e privadas. Nesta edición participaron 257.250 alumnos e alumnas de 45 nacionalidades diferentes, divididos en 9 categorías. A clasificación realízase co mellor tempo conseguido polos participantes nos tres intentos cos que contan para resolver as 15 probas con operacións combinadas.


Sara, que gañou con máis de 5 segundos de diferenza co subcampeón, obtén o primeiro posto por segundo ano consecutivo, logrando resolver as operacións matemáticas en tan só 37,12 segundos; Diana, con 49,03 segundos, entra por primeira vez no “top 10 mundial” cun sétimo posto. Ricardo Rodríguez, o seu titor e director do centro, manifestou sentir un “gran orgullo” polos resultados obtidos polas súas alumnas.


As menores foron recibidas hoxe, xunto co director do centro no Concello de Verín por Gerardo Seoane, alcalde en funcións de Verín, e Diego Lourezo, tenente de alcalde e concelleiro en funcións de Mocidade, que destacou “a gran honra que supón para os nosos cidadáns contar con dúas verinesas entre as mellores do mundo en calculo mental, sobre todo tendo en conta que tiveron que medir as súas destrezas ante outros 41.368 nenos e nenas de 45 nacionalidades diferentes.”

Dúas nenas do CEIP Amaro Refojo, entre as dez mellores do mundo nos campionatos...
comentarios