Venres. 29.03.2024
Teñen dous tamaños e están dispoñibles na Casa do Concello para que as nais e pais pasen a retiralas

A viúva e as fillas dun veciño nado nas Chas doan un cento de máscaras infantís á cativada de Oímbra

Os cativos de todo o municipio de Oímbra xa poden pasar a retirar a súa propia máscara hixiénica de tea, doada pola viúva e as fillas dun emigrante no País Vasco -Manuel Justo- pero nado nas Chas, onde se atopa soterrado. A alcaldesa do municipio, Ana María Villarino, emitiu un bando no que pon en coñecemento da poboación a doazón agradecendo á familia "o xesto de xenerosidade que tiveron cos veciños deste municipio"

A alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, coas máscaras que xa están dispoñibles no concello.
A alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, coas máscaras que xa están dispoñibles no concello.

Na casa consistorial de Oímbra están dende esta mañá dispoñibles para a cativada do municipio un cento de máscaras, de dous tamaños en función da idade dos pequenos, doadas pola viúva e as fillas de Manuel Justo, máis coñecido como "O ferreiro das Chas". Segundo relatou a alcaldesa do municipio, Ana María Villarino Pardo, "esta familia leva moitos anos fóra, aínda que Manuel mantiña unha estreita relación co noso concello. Dende que se xubilou sempre estivo a cabalo entre Bilbao, a onde emigrara, e o seu pobo das Chas, onde tiña parte da súa familia e amigos, e onde descansa dende hai seis anos que morreu", sinala Villarino Pardo. 

Foi a única das fillas do finado que reside na provincia de Pontevedra a que contactou co Concello para lle confirmar que tiña preparadas un cento de máscaras, para idades entre os 3 e os 7 anos -unhas-, e entre 8 e 14, as outras, todas elas con diversos motivos en función das teas elexidas para a súa confección

mascarasAlgunha das máscaras teñen motivos un chisco cadavéricos. 

Ana María Villarino Pardo asegurou sentirse "encantadísima de que se acordara de nós, é unha mostra máis da solidariedade dos nosos veciños, neste caso dos fillos dos que xa non están. Estou segura de que os nenos irán moito máis contentos pola rúa con estas máscaras, moito máis divertidas, que as cirúrxicas que levarán os seus pais"

As máscaras doadas están confeccionadas cunha dobre capa de polipropileno de 50 gramos e 25 micras, e un reforzo con tira de ponte nasal e unha capa exterior de algodón 100%, como así reflicte o fabricante, industria propiedade dunha das fillas do veciño falecido de Oímbra. Están fabricadas seguindo a norma UNE 0065:2020, para máscaras hixiénicas reutilizables. 

A viúva e as fillas dun veciño nado nas Chas doan un cento de máscaras infantís á...