xoves 09.07.2020
As redes de saneamento, abastecemento e recollida de agas pluviais será renovada na súa totalidade

Novo asfaltado, creación de beirarrúas e renovación de infraestruturas na Rúa do Campo de San Cibrao

Os traballos que se realizan na aldea do Concello de Oímbra supoñen un investimento de 69.000 euros, achegados pola Deputación de Ourense e pola Xunta de Galicia.

Entrada de San CIbrao, onde esta mañá xa se podía ver a maquinaria para realizar os traballos de rehumanización das rúas.
Entrada de San CIbrao, onde esta mañá xa se podía ver a maquinaria para realizar os traballos de rehumanización das rúas.

Esta mañá xa se podía ver traballando a maquinaria que se utilizará para realizar as obras de dotación e mellora de infraestruturas da Rúa do Campo de San Cibrao; obras que teñen como obxecto a rehumanización desta zona na contorna do parque da aldea de Oímbra.

O proxecto contempla unha completa renovación das infraestruturas subterráneas dada a antigüidade das existentes ata o momento. Deste xeito, procederase ó entubado das cunetas para dotar á zona de novas redes de saneamento e abastecemento, substituíndo as antigas tuberías por novas redes que mellorarán o servizo á veciñanza.

En canto á rede de saneamento, procederase á súa total renovación xa que a vella tubería de fibrocemento está moi deteriorada e resulta pouco axeitada. Construirase un novo colector xeral, con diversos ramais de tuberías que contarán con pozos de rexistro e coa reposición das acometidas destinadas ás vivendas dos particulares.

Do mesmo xeito, actuarase na rede de recollida de augas pluviais. As obras contemplan a total renovación da rede separativa de augas pluviais existente ata o de agora, xa que non conta cun diámetro axeitado, e a ampliación da mesma ata as zonas que non contaban con ela. Para a recollida de augas pluviais, construiranse novos sumidoiros, novas quenllas con rexilla e novos pozos de rexistro. Ademais, serán repostas 20 acometidas a vivendas particulares dende a nova rede.

Tamén se farán os traballos de renovación da rede de abastecemento. A antiga rede foi realizada con materiais que agora non se consideran axeitados e que provocaban contínuas roturas coas conseguintes fugas de auga. As obras de mellora contemplan a construción de arquetas para a ubicación das válvulas de paso de das bocas de rego.

Rehumanización da aldea 

A Rúa do Campo, ubicada na entrada de San Cibrao, é unha das que máis tránsito de vehículos soporta. Ata o de agora carecía de beirarrúas, polo que o proxecto de mellora da zona contempla a creación das mesmas co obxectivo de rehumanizar a aldea e facela máis accesible para os veciños e veciñas.

A preparación do terreo e a construción de beirarrúas para peatóns verase reforzada coa demolición do firme existente para vehículos e a dotación dun novo asfaltado que se completará con sinais viarias horizontais.

O proxecto conta cun orzamento de 69.000 euros, financiado pola Deputación de Ourense e pola Xunta de Galicia.

Novo asfaltado, creación de beirarrúas e renovación de infraestruturas na Rúa do Campo...
comentarios