martes 24/11/20
Malia todo, Villarino e Cardoso insisten en manter a cautela e "non nos deixar levar pola relaxación"

Os rexedores de Oímbra e Vilardevós, aliviados pola fin do seu peche perimetral

A futura e inmediata historia das vidas dos residentes en Oímbra e Vilardevós xa non irá parella á dos seus veciños de Verín, porque así o acordou o comité clínico da Xunta. Non poderán entrar en Verín, pero si saír dos seus municipios, onde a hostalaría estará aberta a medio gas

Ana María Villarino Pardo, no seu despacho da casa consistorial, nunha imaxe anterior á declaración da pandemia. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Ana María Villarino Pardo, no seu despacho da casa consistorial, nunha imaxe anterior á declaración da pandemia. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Os alcaldes dos municipios de Oímbra e Vilardevós coincidiron este mércores en celebrar o levantamento do peche perimetral das súas localidades, que atribúen a unha "mellora" dos datos de contaxios de covid-19, pero pediron "cautela" aos veciños.

Os municipios de Oímbra e Vilardevós, ambos situados na contorna de Verín, abandonan o peche perimetral conxunto co colindante concello e os seus rexedores non tardaron en pór en valor o relaxamento das restricións após a mellora dos datos nas súas respectivas localidades.

Deste xeito, a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, mostrou o seu respecto ás medidas adoptadas polo comité clínico, que permiten que se levante o peche perimetral desta localidade, e que vinculou a un descenso do número de contaxios. Ademais, poderanse volver reunir persoas non convivintes, até un máximo de seis, e permítese a apertura da hostalaría ao 50%.

Así, aínda que asegurou que en Oímbra "hai practicamente de todo", recoñeceu que os veciños teñen que desprazarse para facer algunhas xestións a Verín, localidade que continúa pechada. Respecto diso, lembrou que estes desprazamentos, se responden a "actividades esenciais", si que se permiten.

Sobre esta cuestión e preguntada por se ir facer a compra estará incluída na lista de actividades esenciais pola que os veciños se poderán desprazar, explicou que, nunha primeira consulta realizada na tarde deste mércores, as autoridades sanitarias dixéronlle que si se contemplaría esta actividade. Con todo, explicou que están á espera da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) para confirmar este extremo.

"Nos últimos días pasamos de 19 a 12 casos", explicou a alcaldesa, que asegurou que este municipio duns 1.700 habitantes vive a situación nunha especie de "calma tensa", consciente de que un empeoramento dos datos pode facer que se volvan a incrementar as restricións.

Neste sentido pronunciouse o rexedor de Vilardevós, Manuel Cardoso, quen tamén mostrou o seu respecto ás medidas adoptadas polo comité clínico que, segundo indicou, no caso da súa localidade foron "efectivas" e permitiron que se pasase dun pico de 16 positivos o 23 de outubro a ter, "a día de hoxe", catro contaxios.

"Entón, se o comité ve que se poden levantar as restricións, estou de acordo", sinalou o rexedor, que sostivo que os veciños tampouco se verán "moi afectados" polo feito de que a localidade veciña de Verín continúe pechada perimetralmente tendo en conta que van poder desprazarse para todas as cuestións "esenciais". 

Dous de cada tres galegos en municipios con restricións

En torno ao 60% da poboación galega que vive en 60 municipios -as sete grandes cidades e outros 53 concellos, algúns das áreas urbanas e outros illados- terá a mobilidade limitada a partir do próximo venres ás 15,00 horas e, en principio, durante un mes, cando se ratifique un peche perimetral que irá acompañado de novas restricións como o peche da hostalaría.

As urbes e outros municipios xa estaban en peche perimetral, aínda que as restricións para as zonas con estas condicións endurécense, após a decisión adoptada este mércores polo comité clínico e que anunciou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

Con todo, tamén hai catro concellos ourensáns, dous na comarca de Monterrei, que quedan fóra do novo peche perimetral após mellorar os seus datos epidemiolóxicos, segundo as fontes sanitarias consultadas. Así, Oímbra e Vilardevós, que estaban en peche perimetral con Verín, e O Irixo e Boborás -na mesma situación co Carballiño- quedan fóra da listaxe de 60 municipios dados pola Xunta.

Así, os 60 municipios con maiores restricións serán: A Coruña, xunto con Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros; o concello de Lugo en solitario; Santiago con Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; Ferrol, con Ares, Fene, Neda, Narón e Mugardos; Ourense, con Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao e Toén; Pontevedra, con Vilaboa, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior; e Vigo con Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela.

Xinzo equipárase a Verín malia ter sacado peito cos baixos contaxios

Tamén terán as mesmas restricións os concellos con taxa acumulada a 14 días superior a 200 casos por 100.000 habitantes, e tendencia ascendente na notificación dos mesmos: Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

En todas estas zonas acometerase un peche perimetral e a mobilidade quedará limitada a dentro da "améndoa perimetral" que define o Executivo autonómico. En todo caso, estarán permitidos o 100% dos movementos para ir traballar, á escola, a atender coidados necesarios de menores e maiores, e todos os movementos sanitarios. E o comercio funcionará cos mesmos criterios do resto de Galicia.

E no resto dos concellos da comarca?

E nos restantes municipios, agás Verín, quedarán homoxeneizadas as restricións de acordo coas últimas decisións autonómicas. Así, non haberá restricións de mobilidade, pero non se poderá entrar nos 60 concellos pechados salvo excepción xustificada para realizar unha actividade esencial.

Este mércores, ademáis, Feijóo anunciou novas medidas tamén para o resto de Galicia, como por exemplo que as reunións poderán ser de até seis persoas non convivintes (até agora había un límite dun máximo de cinco e así se homoxeneiza tamén a directriz galega ao marco estatal).

Coa mesma premisa, redúcese a un terzo o aforamento nas zonas comúns dos centros comerciais, aínda que se mantén o do 50% no interior das tendas. Ademais, a Xunta decidiu que o transporte público non escolar tamén reducirá o seu aforamento e vetaranse as saídas de usuarios das residencias.

Os rexedores de Oímbra e Vilardevós, aliviados pola fin do seu peche perimetral
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade