En 24 horas, os incendios da Mezquita e Oímbra cuadriplicaron a súa extensión

A raia do lume non dá tregua e alcanza as 9200 hectáreas calcinadas | NOTICIAS VERÍN

A imaxe do satélite Copernicus para o Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestales (EFFIS - European Forest Fire Information System) mostra a superficie arrasada polo lume nos incendios de Oímbra, A Mezquita e VIlardevós.

As terras da raia espertan neste xoves 14 de agosto baixo a dura realidade provocada por unha das peores vaga de incendios que se lembra. Segundo os datos oficiais das 9h, a superficie arrasada elevouse a unha cifra devastadora: de 2.500 hectáreas calcinadas onte, pasamos hoxe a 9.200, co lume aínda moi activo e fóra de control en dous grandes focos.

Só 24 horas e os datos da Consellería do Medio Rural cuadriplicáronse, practicamente. A rápida expansión das lapas fixeron que no día de onte se palpara o medo nun ambiente case irrespirable pola gran densidade do fume que se ía acumulando. Casas calcinadas, evacuacións e confinamentos da poboación, animais mortos, granxas arrasadas... foron 24 horas de tolemia que deixaron un rastro de danos materiais e humanos que mantén en alerta a toda a veciñanza da raia, dende a comarca de Verín ata as terras da Mezquita.

A Caridade (Monterrei) tiña unha imaxe dantesca logo de que o lume de Oímbra calcinara unha vintena de casas. | FOTO: Noelia Caseiro.

Oímbra e Monterrei con evacuacións, confinamentos e casas calcinadas

O incendio máis virulento continúa sendo o que se iniciou en Oímbra, na parroquia de A Granxa. As últimas estimacións indican que xa arrasou 5000 hectáreas, afectando tamén ao concello de Monterrei. A traxedia obrigou a evacuar a 27 persoas en Albarellos e a confinar os lugares de Mixós, Estevesiños, Vences e A Pousa; aldeas nas que algunhas persoas tamén foron evacuadas. Ante a situación, habilitouse o pavillón de Verín como albergue e activáronse protocolos de protección en residencias de maiores. A traxedia deste foco tamén inclúe as graves queimaduras sufridas por tres brigadistas, que permanecen estables pero graves na UCI do CHUAC. A esta dramática situación, súmase a dor de ver a paisaxe e as casas queimadas. O lume alcanzou a localidade da Caridade, onde se contabilizan 20 casas e granxas calcinadas.

O lume da Mezquita cuadriplica a súa extensión

Na Mezquita, o segundo gran lume xa alcanzou as 4000 hectáreas, cuadriplicando a súa extensión en poucas horas e sen dar sinais de estabilización. O avance das chamas mantivo en vilo localidades da Gudiña, e obrigou a cortar en varias ocacións as estradas que percorren o territorio. A poboación do Canizo (A Gudiña) tamén estivo estivo confinada ao longo da tarde.

 

Novo incendio en Vilardevós

Por se non fóra suficiente, un novo foco na parroquia de Vilardecervos, en Vilardevós, comezaba a media tarde, arrasando un total de 200 hectáreas. A perigosidade das lapas obrigou a confinar a súa veciñanza e a evacuar a veciña localidade de Bustelo.

Pouco despois das 18h, comezaba un virulento lume en Vilardecervos (vilardevós). | FOTO: Noelia Caseiro.

As lapas non deixaron descansar á veciñanza de Vilardevós, que viñan de sufrir unha longa noite polo incendio que afectou ás parroquias de Santa Comba e Moialde. A desesperación e a perda deixan un sentimento de tristeza e rabia en moitos veciños que xa o perderon todo.

Mentres os efectivos traballan sen descanso para conter esta vaga de incendios, a memoria dos lumes de Mourazos (Verín, 10ha), xa controlado, ou Moialde (Vilardevós, 40ha), estabilizado, queda hoxe superada pola magnitude desta catástrofe que parece non dar tregua.