venres 30/10/20
Pasadas as 19:30 horas recibiuse a chamada da posible ameaza das lapas á localidade da Granxa

A reactivación do lume de San Millao comprometeu o tránsito na estrada entre Casas dos Montes e Bousés

O lume que se iniciou este mércores en San Millao reviviu lixeramente na tarde noite do xoves moi cerca da Granxa, no Concello de Oímbra. Chegou a obrigar a cortar a estrada que une Casas dos Montes e Bousés. A última hora quedaba xa controlado. Os efectivos de emerxencias tamén sofocaron un conato de incendio urbano en Moialde, Vilardevós. 

O lume obriga a cortar a estrada OU-1013 entre Casas dos Montes e Espiño. | FOTO: XOsé Lois Colmenero
O lume restrinxiu o tráfico na estrada OU-1013 entre Casas dos Montes e Espiño. | FOTO: Xosé Lois Colmenero

O incendio que se iniciara en San Millao (Cualedro) ás 14:15 horas da tarde do pasado mércores, 30 de xullo, permanecía activo a última hora deste xoves e mesmo experimentou un lixeiro avance polos montes xa do Concello de Oímbra. A súa reactivación mobilizou de novo un importante número de efectivos entre as localidades da Granxa, Bousés e Casas dos Montes. Cara as oito e media da noite, as lapas comprometían a circulación na estrada OU-1013 no treito Casas dos Montes e Bousés, en Oímbra.

A Situación 2, que se decretara de xeito preventivo pola proximidade do lume ao núcleo de San Cristovo (Monterrei), xa se deu por desactivada. 

Segundo os últimas datos de Medio Rural, a superficie continúa a ser dunhas 1.000 hectáreas, nas cales hai parte agrícola e forestal: esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada.

Para a súa extinción lévanse mobilizado unha importante cantidade de efectivos e o lume semella estar relativamente controlado, polo momento. 

Incendio intencionado en Moialde (Vilardevós)

As lapas que mobilizaron aos servizos de emerxencias comezaron a carón dunha vivenda deshabitada á entrada de Moialde, en Vilardevós. A casa atópase practicamente en ruinas e nela, pódense observar varias pintadas. O incendio foi claramente intencionado: hai testigos que afirman ter visto ao individuo autor do mesmo plantando lume a carón da vivenda abandonada. 
Os efectivos de Protección Civil do Concello de Vilardevós chegaron inmediatamente, sofocaron as lapas e refrescaron o perímetro. O incendio xa estaba controlado cando se incorporou unha unidade do Consorcio Provincial de Bombeiros do Parque de Pazos en Verín. 

A reactivación do lume de San Millao comprometeu o tránsito na estrada entre Casas dos...
comentarios