jueves. 18.04.2024
alcaldesa
Rosendo Luis Fernández, vicepresidente da Deputación; Ana María Villarino Pardo, rexedora de Oímbra, e Susana Rodríguez, de Sustinea.

Este domingo 6 de outubro o municipio de Oímbra celebra, por segundo ano consecutivo, unha curiosa actividade etnográfica que une turismo, historia e viticultura: a recreación do prensado tradicional da uva nos lagares rupestres, un evento que foi presentado esta mañá no Pazo Provincial coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino Pardo, e a representante da asociación a prol do desenvolvemento sostible, Sustinea, Susana Rodríguez.

A alcaldesa de Oímbra dixo que o obxectivo desta actividade “é potenciar o binomio patrimonio-viticultura”, e salientou que en 2016 “comezamos, da man da Universidade de Vigo a estudar as orixes do noso municipio” e iso permitiu descubrir que “Oímbra é o concello con máis concentración de lagares, unha riqueza etnográfica que seguimos potenciando”. Neste sentido comentou os roteiros que se organizan -de 4 e 11 quilómetros-, que finalizan na adega das Barrocas, unha viaxe no tempo para revivir as costumes de antano, “como acontecerá o vindeiro domingo, ás 11,00 horas, coa recreación do prensado tradicional de uva, unha experiencia que se fai como colofón á vendima”. A propia rexedora local participou de xeito moi activo xa o pasado ano no pisado das uvas. Logo, o viño obtido de maneira tan ancestral foi transportado ata a adega As Barrocas, onde madurou para, posteriormente, ser embotellado. 

Rosendo Fernández explicou que Oímbra “é terra de patrimonio, viño e cultura”, salientando o feito de que hai máis de 2.000 anos xa se producía viño nos lagares rupestres deste concello, “un sinal de identidade que supón un excelente reclamo turístico e histórico que permite a Oímbra poñer en valor un dos seus produtos estrela como é o viño e toda a cultura vitivinícola da súa contorna, unha simbiose entre cultura e viño que mantén as tradicións”.

Un pisado de uvas no lagar rupestre de Xan Preto porá fin este domingo á vendima en Oímbra