sábado. 20.04.2024
skate2
O pavillón de Oímbra amplía a súa oferta con esta nova instalación.

O Concello de Oímbra vén de rematar as obras de construcción dunha nova instalación municipal da que de seguro serán os xoves do municipio quen máis a desfruten. Nestes días quedaba rematada a primeira pista de skate do concello que preside Ana María Villarino Pardo, que lle custou ás arcas públicas uns 18.000 euros, dos que os fondos do plan Leader europeo supuxeron arredor de 7.200. O resto foi con cargo aos orzamentos municipais.

A idea, que acabou materializándose no parque das inmediacións da casa consistorial da localidade, xurdiu -como así afirma a primeira edila- logo duns dos plenos infantís que se organizan no Concello. Os rapaces dos últimos cursos de CEIP de Oímbra trasladaron ao equipo de goberno a necesidade de contar cunha pista de skate como a que se acaba de rematar. "É certo que temos parques infantís -un deles vén de finalizarse tamén na aldea de Bousés-, pavillón deportivo e piscina municipal, pero carecíamos dun lugar de ocio para os preadolescentes ou mesmo adolescentes", sinalou a rexedora municipal, quen confirmou ademais que "nos primeiros días dende a súa posta en marcha estase comprobando que, efectivamente, o usan como un lugar de quedada para eles", asegurou Ana María Villarino Pardo.

O remate das obras diante do Concello coincidía tamén coa finalización dos traballos de construcción dun parque, este infantil, na localidade de Bousés, un dos núcleos de maior concentración de nenos demandantes de espazos como o que se acaba de finalizar.

skate4

Oímbra estrea unha pista de skate detrás da casa do Concello