martes. 23.04.2024
O camión da Deputación de Ourense, en San Cibrao, moi cerca da vivenda da primeira infectada.
O camión da Deputación de Ourense, en San Cibrao, moi cerca da vivenda da primeira infectada.

Dende primeira hora da mañá, un camión enviado pola Deputación de Ourense baldeou as rúas de tres localidades do Concello de Oímbra, O Terrón, Rabal e San Cibrao, como unha das medidas implantadas logo de que no municipio se diagnosticase o primeiro caso de COVID19 na comarca, na persoa da cidadá madrileña casada cun veciño do concello e que volveu da capital do Estado logo de que pecharan os centros educativos das súas fillas. 

A alcaldesa do municipio, Ana María Villarino, anunciara, o mesmo día que se coñeceu o caso confirmado de coronavirus na comarca, que aplicaría medidas estritas para combatir unha posible propagación do foco detectado no seu concello. Villarino confirmaba esta mañá que "a solución viricida aplicada hoxe extenderase por todas as aldeas do municipio e tamén pola súa capitalidade. Dende o Concello tamén lle estamos a ofrecer todos os servizos á familia que está en corentena, como suministro de alimentos e medicamentos, para que non teñan que saír á rúa", apunta. 

Esta mesma medida fora xa tamén adoptada días atrás polo Concello de Verín na práctica totalidade das rúas da vila.

Unha traballadora social de garda no Concello tamén está pendiente dos casos máis extremos no municipio, para facilitarlle en todo momento o abastecemento dos productos de primeira necesidade ao non poderen desprazarse a mercalos. 

Nova pasada da Garda Civil polo municipio

A Garda Civil de Tráfico de Verín volveu tamén a sacar os seus vehículos patrulla polas rúas das localidades do municipo, coa súa megafonía, advertindo da necesidade de que a poboación se manteña nos domicilios e non saír ao aire libre. 

O Concello de Oímbra comeza a baldear as rúas das aldeas tras o primeiro caso na comarca