miércoles. 24.04.2024
WhatsApp Image 2020-09-21 at 14.20.28
Oímbra estreou este luns un nebulizador para desinfectar locais do municipio.

Os Concellos de Oímbra e Verín veñen de incrementar o número de gromos detectados ata o de agora na segunda onda da pandemia. Segundo vén de informar o Sergas, no primeiro deles diagnosticáronse catro novos casos, todos de orixe familiar, repartidos en dous homes de 53 e 24 anos, e dúas mulleres de 44 e 17.

No caso do municipio olimbriguense, os 3 afectados son tamén de orixe familiar, dous homes de 84 e 60 anos, e unha muller de 84 que precisou ser hospitalizada

O venres tamén se coñecían novos casos nun gromo de Verín diagnosticado o pasado martes, pasando de 4 (dúas mulleres de 41 e 56 anos, un menor e un home de 84 anos ingresado) a 5, logo de que fose detectado positivo por coronavirus un home de 87 anos. O abrocho do Riós de 4 persoas inicialmente infectadas (3 mulleres de 77, 44, e 74 anos e un home de 80) pasou tamén, antes da fin de semana, a 5, ao ser diagnosticado como enfermo de COVID-19 un varón de 67 anos. 

O xoves Verín anotaba coma novos positivos a unha muller de 44 anos e un mozo de 16, no gromo inicialmente comunicado con 8 afectados. 

Nebulizador para edificios públicos e establecementos



O Concello de Oímbra estreou este luns un novo aparello co que está a desinfectar todos os edificios públicos pero tamén todos aqueles establecementos comerciais do municipio con atención ao público. A alcaldesa, Ana María Villarino Pardo, asegurou que "nós puxémonos en contacto con todos os locais que temos asentados aquí e lles ofrecimos este servizo sen custe algún. Entendemos que todas as medidas no eido da prevención e da seguridade que dende o Concello podamos implementar non serán nunca suficientes pero é a nosa obriga pór todos os medios para loitar contra a pandemia", sinalou. 
Villarino Pardo confirmou que todos os luns se prestará, de xeito gratuíto, este servizo: "Ampliaremos a máis días se vemos que é preciso facelo", concluíu. 

91 positivos dende o día 1 de setembro e 14 hospitalizados
 

Setembro está a ser o peor mes dende que se tivo coñecemento dos primeiros casos de coronavirus na comarca de Monterrei. Segundo as estadísticas que manexan no Sergas, dende que comezou o mes son xa 91 os positivos que se rexistraron na comarca e 14 deles os que precisaron hospitalización, batindo así a marca rexistrada nos primeiros meses do andazo.

 

Novos gromos en Verín e Oímbra, con 7 positivos máis, elevan a 91 os casos dende o día...