Con cursos gratuítos de tres días

NOTICIAS VERÍN | Oímbra achegará o mundo dixital aos maiores de 55 anos

Tres persoas maiores cun Smartphone.

O Concello de Oímbra vén de anunciar que impartirá cursos gratuítos aos veciños maiores de 55 anos que non se desenvolvan con soltura con eses aparellos que xa forman parte do noso día a día: as novas tecnoloxías.

Esta actividade lévase a cabo no marco do programa Expertclick -promovido pola Fundación Cibervoluntarios e a Fundación AEB- que ten como obxectivo capacitar ao colectivo en habilidades dixitais para que naveguen con seguridade e confianza pola rede.

En concreto, estes cursos estarán centrados no uso do teléfono móbil e as utilidades á hora de facer unha videochamada, enviar un WhatsApp -e demais redes sociais-, pedir unha cita sanitaria ou uso da banca dixital. Estas nocións básicas impartiranse nos propios dispositivos, polo que será necesario que cada quen acuda co seu.

As prazas son limitadas e todos os interesados deberán anotarse -canto antes- na Casa do Concello ou no teléfono 988 426 160, xa que os cursos comezarán o vindeiro 19 de outubro. Cada un deles -haberá dous- terá unha duración de tres tardes, cunha hora e media lectiva, impartidos no Centro Social da localidade, onde estarán garantidas todas as medidas de seguridade contra a Covid-19.