Venres. 29.03.2024
Centralita de Telefónica en Bousés, Oímbra. | FOTO: M. D.
Caseta centralita de Telefónica, de onde parte o servizo de fibra óptica que beneficiará a Bousés, Espiño e Videferre. | FOTO: M. D.

Os veciños do concello de Oímbra xa desfrutan do novo servizo da fibra óptica en case todas as aldeas. Polo momento, segundo afirma a alcaldesa, Ana Villarino, "xa son sete de dez nas que o servizo está completamente establecido. Agardamos que a finais de ano as outras tres tamén o poidan ter". Eses tres núcleos rurais son Espiño, Videferre e Rabal, que terán que agardar algún mes máis para obter todos os beneficios. "Nestes momentos é un servizo básico, ao igual que no seu momento o foron as estradas", engade a alcaldesa, que incide na importancia da velocidade e capacidade de conexión para traballar ou estudar coas mesmas condicións que nas cidades.

Un dos últimos en dispoñer da fibra é Bousés onde as familias xa están comezando a instalala, como Manolo Carrillo, natural de Barcelona e que pasa os meses de verán na aldea. "Nós fomos os primeiros en poñela, hai unha semana. A verdade é que nós chamamos a Telefónica para ter unha conexión por tarxeta, xa que non temos cobertura móbil. Pero cando veu o técnico, díxonos que había fibra, e non o dubidamos. Estamos encantados", afirma. "O mellor é que as películas non se cortan", engade, rindo. 

67D18586-1B85-43DB-8EC1-98573C5ED8BAManolo Carrillo, primeiro veciño de Bousés en desfrutar das vantaxes da fibra óptica. | FOTO: M. D.

Arestora xa son catro as familias da aldea que fan uso deste novo servizo. Segundo afirmou a alcaldesa, está previsto tamén que a mediados do mes de outubro todos os centros sociais do municipio conten cun punto WiFi gratuíto para todos os veciños que queiran dispoñer del, un proxecto cofinanciado polos Fondos Europeos.

NOTICIAS VERÍN | Sete aldeas de Oímbra xa dispoñen de fibra óptica