Poderán ser retirados na casa do Concello os días 14, 18 e 19 de maio

Libros gratis en Oímbra para celebrar o Día das Letras Galegas

Os libros serán entregados na casa do Concello de Oímbra. | FOTO: Xosé Lois Colmenero

O Concello de Oímbra conmemora o vindeiro luns 17 de maio o Día das Letras Galegas, que este ano rende homenaxe á poeta e tradutora lucense Xela Arias. Vaino facer cunha entrega de libros, de maneira gratuíta, a tódolos veciños do municipio aos que lles guste a lectura. Todos aqueles que estean interesados, poderán recollelos na casa do Concello os días 14, 18 e 19 de maio, sen presentar solicitude e ata fin de existencias. "Un mesmo veciño, se lle gustan, pode levar varios libros. Nestes casos somos moi moderados e haberá para todos" conta a alcaldesa, Ana Villarino.

O obxectivo é fomentar a lectura en galego entre os veciños do Concello. Por iso, os libros que se entregan están escritos na nosa lingua, corresponden a varios xéneros e están orientados a todo tipo de público. Pertencían na súa totalidade ao fondo literario da Deputación de Ourense e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que os cederon para este propósito.

O Concello de Oímbra regala libros para conmemorar as Letras Galegas.