Venres. 29.03.2024
Ana Villarino e Rosendo Fernández, na presentación da XXII Feira do Pemento de Oímbra 2
Ana Villarino e Rosendo Fernández, na presentación da XXII Feira do Pemento de Oímbra (2019). | FOTO: Cedida.

Oímbra non celebrará este ano a súa xa tradicional Feira do Pemento. O Concello de Oímbra, que preside Ana María Villarino Pardo, vén de tomar a decisión de non convocar aos amantes do produto estrela da horta tamagana ao tradicional certame que o primeiro fin de semana do mes de agosto concentraba a centos de persoas na carballeira situada a carón da casa consistorial.

A festa presencial substituirase por unha intensa promoción en medios de comunicación e redes sociais para “que tanto a nosa xente coma os fieis consumidores do noso pemento non esquezan que poden seguir contando coa nosa horta e que, aínda que este ano por as razóns que xa todos coñecemos non teremos a nosa particular e xa senlleira festa de exaltación, o pemento de Oímbra segue a ser un dos máis demandados pola súa indiscutible calidade, apariencia e sabor, que o confiren como un dos únicos do agro galego e que conta ademais con Indicación Xeográfica Protexida”, asegurou a rexedora municipal Ana María Villarino Pardo.

A alcaldesa popular expresou o seu pesarporque é a primeira vez dende que esta celebración se puxo en marcha que non pode ter lugar, aínda que sei que todos comprenderán que agora, por enriba da promoción do noso produto, o que prima é garantir a seguridade non só dos nosos conveciños senón tamén de todos aqueles que teñen xa na súa axenda dun ano para outro o acompañarnos no primeiro domingo de agosto, explicou Villarino Pardo.

Premio á mellor foto da feira

Un dos reclamos que sempre tivo a celebración de Oímbra, ademais dos diferentes postos de produtos de horta, agrogandeiros, de maquinaria ou artesáns; foi a exposición de pratos elaborados con pementos. Porén, a rexedora municipal non quere que as súas veciñas e veciños deixen de cociñar e convídaos ao I concurso fotográfico da Feira do Pemento de Oímbra, que terá como premio un lote de produtos do Concello, no que non faltará a estrela pero tampouco unha botella de viño de cada unha das bodegas da Denominación de Orixe Monterrei implantadas no municipio.

Para participar será suficiente subir unha ou varias das mellores imaxes ás redes sociais Facebook e Instagram co hashtag #pementodeOímbra. As fotografías poden estar relacionadas con edicións anteriores da feira ou mesmo con algún prato de cociña elaborado con pementos. Serán os likes (“me gusta”) que reciban do público en xeral os que acaben determinando a fotografía gañadora que, entre outros atributos, terá que reflictir o espíritu da feira local que, neste 2020, alcanzaría a súa vixésimo terceira edición.

O Concello de Oímbra anula a XXIII Feira do Pemento 2020 aínda que manterá vivo o seu...