Esta tradición volveuse retomar dende fai 6 anos

Comeza a Semana Santa de Oímbra

Cartel da Semana Santa en Oímbra.

Mañá retomarase un ano máis Semana Santa en Oímbra, importante festividade na poboación, que conta con procesións moi ben valoradas polos veciños e os visitantes que se achegan ata o pobo.

Este xoves comeza a Semana Santa en Oímbra. Cargada de misas e procesións, volveu adquirir importancia fai seis anos, coa chegada do cura Raúl ao pobo, que axudou aos veciños a volver a implantala coma anos atrás.

De entre todas, a presidenta da Comunidade de Montes, Maribel Pardo, destaca a Procesión dos Penitentes e o Oficio das Tinieblas, que terá lugar mañá ás 21:00 h na igrexa antiga. "Os Penitentes é moi bonito, faise de noite e póñense unhas velas que se van apagando. Cando isto pasa, a igrexa queda ás oscuras. Ao proceso chámaselle as Tinieblas e a posteriori, os xudeus pican na pedra coas lanzas e fan chispas no chan. Unha vez os xudeus fan isto, saen os penitentes, que van a gatas e levan unha coroa de laureiro. Axeonllados durante o todo percorrido, baixan pola calzada da igrexa, percorren unha rúa do pobo e volven subir. Cada un vai iluminado por unha vela".

Celso Alonso, veciño de Oímbra, destaca a orixinalidade desta procesión, afirmando que "non existe noutro sitio". Tamén dá importancia ao venres, coa Procesión do Encontro ás 12:00 h na praza do pobo, e o Desencravo e Procesión do Santo Enterro ás 20:00 h, na que, segundo asegura, "Xesús está cravado na cruz, desencrávano e méteno nunha urna, procedendo á Procesión do Enterro, que vai dende a igrexa vella ata a nova".

Tanto Maribel coma Celso coinciden na importancia do cura Raúl para a volta da Semana Santa e na afluencia de xente que vai ver os Penitentes, afirmando ambos que é "algo que hai que ver para entendelo".