venres 06.12.2019
A segunda das recreacións do pisado das uvas atraeu ata o lagar de Xan Preto moito curioso, algún incluso de fóra da comunidade

Cinco pisando e douscentos mirando!!!

Pasadas as once da mañá, a maioría dos presentes -máis de douscentos- comezaban a lembrar unha das labores propias deste tempo de vendima: o pisado e o prensado da uva. A alcaldesa foi a primeira en introducirse na cesta da prensa para comezar a pisar ao compás das desconexións da TVG, que desta puxeron o foco, as cámaras e o satélite mirando cara Oímbra.

Moitos mirando, e moitos menos, os que pisaban, esta mañá, no lagar rupestre de Xan Preto.
Moitos mirando, e moitos menos, os que pisaban, esta mañá, no lagar rupestre de Xan Preto.

Que a recreación do pisado, e posterior prensado das uvas en Oímbra, se consolida como festa etnográfica que rexistrar no calendario daquelas que poñen fin ao verán é, como esta mesma mañá se puido comprobar, un feito xa incontestable. No só o número de kilos de uva, senón tamén a asistencia de público e a presenza de reporteiros -dos avezados, pero tamén dos profesionais- fai augurarlle a esta celebración que naceu logo de documentar o Concello de Oímbra máis de medio cento de lagares rupestres, un futuro indubidable

Esta mañá foron centos, algúns dende a capital do Estado ou mesmo de Rentería -máis ao Norde-, e de xeito expreso para asistir a tan histórica reprodución; os que se achegaron ata o punto fixado polos organizadores, un dos lagares rupestres máis representativos da media centena deles espallados por todo o concello. A superficie pétrea era fácilmente identificable, non só pola súa estrutura labrada na pedra, senón tamén por outra móbil e de madeira que a presidía, a da prensa que remataría o traballo do pisado cando xa as e os valentes foran incapaces de sacar máis viño. 

pisadocarrilloPrimo Rivero, tenente de alcalde, dirixindo esta mañá a comitiva xa moi cerca do lagar de Xan Preto.

Cara as once da mañá partía a expedición cabalar dende o centro da vila. O macho, veciño de Rabal (Oímbra), levaba, costa enriba, un ritmo case incapaz de seguir pola comitiva que pouco a pouco se ía incrementado camiño do monte. Transportaba arredor de douscentos kilos de uva nun par de cestos, o que viña sendo unha cuarta parte do que finalmente se pisaría no lagar. O resto, chegaba oportunamente nun vehículo de tracción mecánica -por isto de non lle facer a mañá dominical tan pesada ao pobre animal-.

pisadomachoMaricarmen dalle unha uva a un dos protagonistas da xornada, o macho, de Rabal. 

Houbo quen quixo aproveitar unha das televisivas desconexións para introducir entre as táboas da prensa a un cativo que lonxe de facer forza co xemelgo mesmo acabou por pisalas co cueiro

pisadolidiaLidia foi quen de levar, ela soa, o cesto cheo de uva do carro á cesta da prensa. 

Desta, os tempos cáseque que os marcaban os da Galega, porque as tres desconexións en directo que pactaron coa rexedora facían acompasar as tarefas de pisado coa sinal do satélite. A iso das once e vinte da mañá, as catro intrépidas -entre as que estaba a alcadesa, Ana María Villarino Pardo- e o único home, o seu tenente de alcalde, Primo Rivero, comezaban paseniñamente a pisar no froito da vendima, unha combinación vinícola moi do lugar: Godello, Dona Branca e Monstruosa de Monterrei. Houbo quen quixo aproveitar unha das televisivas desconexións para introducir entre as táboas da prensa a un cativo que lonxe de facer forza co xemelgo mesmo acabou por pisalas co cueiro.

pisadocueiro¿Alguén lle preguntou a este cativo se realmente quería pisar uvas?

A consigna era clara, Primo comandaba ao equipo de féminas, e se algo non estaba permitido era apoiarse nos extremos: "Faise máis forza deste xeito", ensinaba ás compañeiras, algunhas delas dúas sospeitosas británicas embadurnadas en protector solar falando un perfecto galego cun acento mistura do Norde de Gales e do Concello de Boiro -a entidade cultural Sustinea, encargada de por en valor as rutas dos lagares rupestres no municipio, decidiu nesta edición incorporar a un par de figurantes que arrincaron non poucos sorrisos aos presentes-. 

TITULARES NO MEDIO DA CESTA

O sexteto de pisadores/as ía mudando por quendas, aínda que había titulares fixos no medio do campo. Algunhas nais decidiron tamén facerlle experimentar aos seus cativos -alguns de pel moi distinta á de Oímbra- a sensación que moitos dos presentes, xa entrados en idade, lembraban dende fóra. 

pisadoprimoKimberly, unha das figurantes novidade nesta edición, tentando entrar na cesta da prensa.

Rematadas as uvas, quedaba só por en marcha o artefacto mecánico obra do ebanista Antonio e réplica case exacta dos que séculos atrás se podían presenciar nalgúns dos lagares habilitados na súa base para inserilos. Non faltaba quen ao carón da prensa animaba aos catro homes a darlle voltas ao brazo para que baixase a cuncha polo fuso apretando nos borrós, "a ver se rebenta, nós ás veces naquelas noites nas adegas empurrábamos como tolos con esas ganas", aseguraban. 

Xa antes comezara a recollerse o froito líquido do traballo de só uns poucos, e era agora coa mecánica cando en verdade se espremía a uva ata quedar feita un cangallo. No alto do carro -aínda que a alcaldesa tamén acabou subindo a el facéndose desta máis omnipresente que o mismísimo Altísimo- estaba Tina Loureiro, dando conta dos cántaros metálicos que lle chegaban para baleiralos nos dous pipotes. Ben é certo que non chegaba todo o que se pisaba, os moitos que ata o monte subiran desfacíanse en probar o resultado nada máis caír do lagar. 

QUINCE OLAS DE "CASE" VIÑO BRANCO

Ao final, o macho, veciño de Rabal -lembren- chegou con 200 kilos, o "Chaca" -funcionario da Deputación destinado no Inorde e responsable da colleita- cos outros seiscentos, e foi o primeiro o que acabou transportando as pouco máis de quince olas camiño da adega, a das Barrocas, onde agardaba para os presentes, ademáis de xamón, queixo, tortilla, empanada, calamares, saquitos, croquetas e gambas rebozadas; o pan, as torradas do postre e o viño da primera das pisadas, a do ano pasado, perfecta e convenientemente etiquetado coa data desa edición, aquela histórica de tal día como o de hoxe hai xustamente un ano. 

Cinco pisando e douscentos mirando!!!
comentarios