jueves. 18.04.2024
CRÓNICA DA RECREACIÓN DUNHA DAS RUTAS DO CONTRABANDO ENTRE PORTUGAL E ESPAÑA

Avistada parte da corporación de Oímbra contrabandeando café e bacallau entre Vilarelho da Raia e San Cibrao

Ana María Villarino Pardo, alcaldesa do concello ourensán de Oímbra, logrou esta noite fuxir da batida levada a cabo polos guardinhas lusos nas inmediacións de San Cibrao (Oímbra). No momento da súa localización, levaba dez kilos de café ás costas. Un dos seus tenentes de alcalde, Primo Rivero, e a filla deste, María, tamén integraban o comando contrabandista. O grupo alcanzou o seu obxectivo -a taberna do Magallaês, en San Cibrao- pasada a unha e media da madrugada. Cobraron polo porte desta noite 100 pesetas. “Mataron o bicho” cunha peza de pan e unha lata de sardiñas, de volta en Vilarelho (Portugal)

alcaldesa3
Un dos grupos do contrabando de onte pola noite, á chegada a San Cibrao (Oímbra). | FOTO: MARÍA RIVERO (unha das "contrabandistas")

Son pouco máis das dez da noite. O centro social de Vilarelho da Raia, a primeira aldea fronteiriza con España, está a piques de se convertir nun dos focos máis importantes do contrabando arraiano dos últimos tempos. Kilos e kilos de café, algún chegado do Brasil, e bacallau do Atlántico agardan, en fardos e caixas -os primeiros para elas, e as segundas para os homes-, a que sexan repartidos por unidades nunha das adegas próximas da localidade lusa. A noite é tranquila, o ceo está despexado e non hai mellor lúa que a chea para cruzar a raia camiño “da Espanha”, onde agardan ansiosos polo produto portugués.

alcaldesa2No Centro social, cultural e deportivo de Vilarelho da Raia, onte pola noite, antes de saír, recibindo as instruccións.

Os responsables do operativo distribúen aos guías de cada grupo, xa conformados, de 20 persoas. A nacionalidade non importa, aquí o obxectivo é chegar co fardo intacto e repartir os vinte pesos que cada membro do comando recibirá pola viaxe de case nove kilómetros e dúas horas de camiñata. Coñecen ben o camiño, saben ademáis que o perigo é dobre -GNR en Portugal e a Garda Civil do outro lado-, pero a consigna é clara: “Non hai medo, temos que chegar; e de fuxir, sempre cara adiante, nunca recúen. Xa saben, silencio, sixilo e discreción”.

As forzas de seguridade -é de todos coñecido- son indulxentes e cabe sempre a posibilidade da negociación; máis, do lado español: “Se hai que pagar, págase, pero o produto ten que chegar”, aconsellan no caso de que algún número da autoridade policial interveña parte da carga transportada ao ombreiro.

Bota a andar o primeiro dos grupos. Saen de vinte en vinte e cunha cadencia duns dez minutos. O percorrido é curto, a noite acompaña e todo son sorrisos de alento camiño de España. Pero, ollo, porque os primeiros tropezos non tardan en chear. A carga é pesada e o terreo pedregoso. Procúrase fuxir dos tránsitos habituais, onde poden estar apostadas unidades da Garda Fiscal.

Non tardarán en verse os primeiros focos alumeando e algún que outro disparo ao aire que advirte de que acaban de seren localizados. A fuxida só ten un sentido: protexer a carga, a vida e sempre cara adiante. Algúns, os máis vellos, optan, logo de se veren afuciñar no medio dos restrollos, por salvar a vida e non o bacallau. Son os que menos sorte tiveron na noite, en parte por culpa da avanzadiña do grupo que non foi quen de “cheirar” convenientemente o perigo.

Os máis avezados e expertos chegan aos dominios de San Cibrao pouco despois da media noite. Aínda quedan un par de kilómetros ata a bodega do Magallaês, onde se intercambiarán fardos e paquetes por moedas españolas de curso legal -editadas neste caso para a ocasión-.

alcadesa4Alcanzado o obxectivo e cos cartos -vinte pesos da época- na mán.

Non hai cores, non hai ideoloxías, aquí todo vale se de sacar un soldo que arranxe a semana se trata. Parte da corporación municipal de Oímbra, coa súa alcaldesa Ana María Villarino Pardo; un dos seus tenientes de alcalde, Primo Rivero, e ata unha das fillas máis novas deste, María, fixeron perna na noite de onte. Con eles, moitos máis, algúns chegados dende Oporto, incluso poida que xa transportando dende alí parte do bacallau e café que logo se mercará en España.

PEZA DE PAN E LATA DE SARDIÑAS PARA "MATAR O BICHO"

Tanto aqueles que cobraron, como os que fuxiron monte aberto, obtiveron, no segundo dos casos, só o premio de consolación ao esforzo da noite: de volta en Vilarelho agardaban, esta vez si, reais, as caixas de latas de sardiñas e pezas de pan, para matar o bicho, que se xa antes de botar a andar por aqueles tempos de mediados do século vinte facíase notar, logo dos oito kilómetros de percorrido de onte á noite, aínda máis.

Eu seguirei traballando, tamén deste xeito lúdico, na confraternización e na posta en valor dun dos nosos principais recursos, que históricamente foi a fronteira e o veciño Portugal

A iniciativa non é nova, ésta é a sétima edición de “Pelos trilhos do contrabando”, que organiza a Centro Social, Cultural e Desportivo de Vilarelho da Raia e na que participa de xeito moi activo o Concello de Oímbra, e a propia Eurocidade Chaves-Verín. “Sempre dixen que é preciso coñecer a nosa historia e mesmo recreala para saber de onde vimos e a onde queremos chegar. Portugal e España, ao carón da raia, non é que foran pobos amigos, foron un. E eu seguirei traballando, tamén deste xeito lúdico, na confraternización e na posta en valor dun dos nosos principais recursos, que históricamente foi a fronteira e o veciño Portugal”, di a rexedora ourensán que, evidentemente, so foi unha figurante máis da reprodución de moitos dos capítulos que, noite tras noite, se deron polos anos cincuenta do século pasado e que non poucos dos que poidar ler este artigo ao carón da raia poderán aportar máis datos na terceira das persoas dalgún familiar.

Avistada parte da corporación de Oímbra contrabandeando café e bacallau entre Vilarelho...