martes. 16.04.2024
phoca_thumb_l_piscinas municipais (3)
Piscinas municipais de Oímbra, co bar ao fondo á esquerda. | FOTO: Concello de Oímbra

O Concello de Oímbra vén de facer pública a convocatoria para levar a cabo o contrato de explotación do bar-quiosco ubicado nas instalacións das piscinas municipais da vila para a tempada de verán 2021, publicada no Boletín Oficial da Provincia o pasado venres. O prazo tanto de información como de presentación de propostas comeza hoxe día 31 de maio e estará vixente ata o vindeiro 4 de xuño. O equipo de goberno dá así un paso máis para poder vivir un verán o máis parecido posible ao que estabamos acostumados. "A tempada estival está próxima e trataremos, sempre dende a resposabilidade e cumprindo os protocolos, que sexa o máis 'normal' posible", afirma Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra.

Criterios de adxudicación

O principal requisito que recolle o edicto do concello é que as propostas inclúan unha oferta económica mínima de 400 euros, cantidade establecida como canon. Tódalas propostas que non igualen ou superen esa cantidade, quedarán automáticamente excluídas. Puntos positivos serán atoparse empadroado en Oímbra e propoñer melloras para o local ou novas actividades que dinamicen o servizo prestado.

Os interesados poden informarse da natureza do contrato e dos dereitos e obrigas na casa consistorial de Oímbra, en horario de mañá, e na sede electrónica do concello. Non obstante, a presentación de solicitudes será realizada exclusivamente de maneira presencial na Casa do Concello.

Está previsto que a actividade comece a finais do mes de xuño, momento no que se abrirá a piscina municipal. "Xa estamos limpando e poñendo en marcha as instalacións", afirma a alcaldesa.

Abre o prazo de presentación de propostas para explotar o bar da piscina de Oímbra