sábado 06.06.2020

"Rumbo NE", a nova aposta da Banda de Gaitas Nova Era

A Banda de Gaitas Nova Era estrea o seu primeiro disco o sábado 28 de decembro no Auditorio de Verín: "Rumbo NE".

A Banda de Gaitas Nova Era presenta o seu disco "Rumbo NE".
A Banda de Gaitas Nova Era presenta o seu disco "Rumbo NE".

A Banda de Gaitas Nova Era ofrecerá, o sábado 28 de decembro, ás 18:30 horas, o concerto presentación do seu primeiro disco, "Rumbo NE", no Auditorio Municipal de Verín. Os asistentes poderán gozar de temas inéditos en vivo e en directo. Con ise espectáculo, a Banda de Gaitas Nova Era quere convidar ó público a unha viaxe musical na que conviven decenas de instrumentos, influencias e melodías.

A Banda de Gaitas Nova Era é o eixe fundamental da Asociación Cultural de Música Tradicional de Monterrei. Foi creada a finais do ano 2014 por un grupo de músicos do Val de Monterrei, que apostaron por un proxecto a nivel local para o fomento e divulgación da música galega. O conxunto caracterízase pola combinación de tres seccións ben diferenciadas: a sección de gaitas galegas afinadas en Si bemol; a sección de percusión, que combina instrumentos da música tradicional galega, centroeuropea, latina e clásica; e a sección orquestral, formada por instrumentos de vento-metal, vento-madeira, corda e interpretación vocal.

Álvaro Rúa e Daniel García son os directores desta agrupación e os que respostaron ao cuestionario proposto por Diario do Támega

WhatsApp Image 2019-12-18 at 18.19.04Parte dos compoñentes da Banda de Gaitas Nova Era.

Que é "Rumbo NE"?

Álvaro Rúa: "Rumbo NE" é unha mostra do noso traballo. Sempre quixemos gravar un CD que fose noso e que lle ensinase ó público o que somos capaces de facer coa nosa música. E cando puidemos permitirnos dedicarnos a isto, fixémolo sen dubidar.

Por que se decantaron polo nome "Rumbo NE" para este primeiro disco da Banda de Gaitas Nova Era?

Daniel García: Sempre xogamos coas letras N e E, como acrónimo do nome da banda. Nos compases ingleses marcan a dirección do norleste e o compás é un símbolo para o noso conxunto. Recórdanos que levamos un rumbo, unha dirección, un propósito e que día a día debemos camiñar en consecuencia. Por iso, pareceunos un nome que sintetizaba a nosa rutina de traballo e o noso espírito.

Canto tempo lles levou crear o disco?

D. G.: Aproximadamente dous anos.

Como foi o proceso de creación de "Rumbo NE"?

Á. R. :Comezamos a compoñer en 2017, a gravar en setembro do ano pasado e a mesturar ata hai ben pouco. Foi un proceso divertido e interesante, porque levou á banda a alcanzar un chanzo máis e a unirnos máis como unha familia.

Todos os integrantes da Banda de Gaitas Nova Era puxeron entusiasmo á hora de crear o disco?

D. G.: Na asociación onde está encadrado o conxunto, practicamente todas as decisións as tomamos entre todos, de xeito democrático e para asegurarnos que o proxecto no que nos embarquemos sexa respaldado con ilusión e traballo. Ao final aquí ninguén está cobrando polo seu traballo e é necesario que cando fagamos algo o fagamos con enerxías. Así que podemos dicir que todos estiveron entusiasmados coa idea, e o resultado agradounos a todos.

Que sorpresas lle esperan ó público no concerto de presentación do disco o 28 de decembro?

Á. R.: Unha posta en escena moito máis coidada que outras veces que facíamos unha gala máis humilde. É a presentación do noso traballo e a gala ten que estar á altura. Ademais, contaremos con algúns artistas que colaboraron con nós nesta aventura.

En "Rumbo NE" atópanse unha disparidade de estilos musicais que parten do profundo respecto pola música tradicional galega buscando á vez explorar novos horizontes. Por que?

D. G.: Porque temos que ter claro de onde vimos e a onde vamos. Vimos da música tradicional galega e debemos respetala como tal, pero queremos romper os estigmas da gaita para unha parte importante do público. No traballo imos dende a muiñeira ou a xota, ata a salsa cubana e os ritmos balcánicos. Nada nos impide facer esta música coa gaita e nós queremos explorar precisamente todos eses horizontes. Diso vai a nosa música, de cambiar e de atopar a seguinte porta que abrir.

Ademais do traballo neste proxecto, a que se adica a Banda de Gaitas Nova Era?

Á. R.: Principalmente a tocar onde nos queiran. Dende que comezamos con isto fixemos case unha centena de actuacións. E realmente, a iso se adica a banda. Pero creo que entre actuación e actuación van aparecendo proxectos que son os que despois ven a luz, coma este traballo.

Como responsables musicais da Banda, cal é o balance que facedes desta dende a súa creación?

D. G.: O balance non pode ser mellor. Cando comezamos, moitos dixéronnos que non duraríamos nin dous anos. Levamos cinco e sumando. Estamos mellor que nunca agora mesmo. Non sabemos se duraremos un, ou cinco, ou vinte máis; pero o empeño e a ilusión de crear isto todo de cero e sen apoios económicos están aí. Ninguén nos pode dicir que non o intentamos. Así que o balance é moi bo.

Co tempo que levan en funcionamento viaxaron a diversos lugares, cales foron os destinos das súas viaxes?

Á. R.: É certo que, co pouco tempo que levamos, xa realizamos algunha viaxe importante. Temos estado en Portugal, Francia e a República Checa. E temos as oportunidades porque as buscamos. Quen nos oferta unha viaxe así é porque sabe que nós ímoslle ofrecer unha actuación de calidade. Non ten máis segredo que un traballo coidado ao detalle.

Hai quen di que viaxar é unha forma de crecer e aprender. Que é o que aprende a Banda de Gaitas nas súas viaxes?

D. G.: Nova Era aprende sobre ela mesma. Ao final somos 40 ou 45 nunha viaxe dunha semana máis ou menos e todos nos coñecemos. Pero volvémonos a coñecer e convivimos xuntos. É unha aprendizaxe sobre o compañeiro do lado, e con compañeiros así, é moi satisfactoria.

Que é o máis positivo e o máis negativo da Banda?

Á. R.: O máis positivo é a liberdade para crear. A nós ninguén nos pode marcar unha pauta ou unhas normas. Aquí todos aportan e tomamos o camiño que máis nos guste. O máis negativo quizáis é a distancia durante o ano académico entre moitos integrantes e Verín, pero tampouco nos fai revés. Son xente comprometida que cando retornan veñen co traballo feito e coas pilas cargadas.

Cales serán os próximos destinos e o futuro da Banda de Gaitas Nova Era?

D. G.: Non temos nada pechado aínda. O que si, recibimos algunhas ofertas de festivais en Europa,
pero son cousas que temos que valorar entre todos. E sobre o futuro, hai algunha colaboración encamiñada e a busca dun novo proxecto que nos resulte atractivo. Inda así debemos tomarnos un breve descanso ata despois do Entroido para recuperar enerxía. O camiño está sen escribir, pero temos claro que o rumbo será o mesmo.

"Rumbo NE", a nova aposta da Banda de Gaitas Nova Era
comentarios