sábado 24/10/20
Nesta localidade de Monterrei colocáronse carteis advertindo aos furtivos que entran nas súas hortas

Veciños de Flariz, en Monterrei, vixían pola noite ós cacos que lles están a furtar pementos

"Como o pesque coas mans no masa, asegúroche que xa que non quere andar co seu sacho, ha de probar o meu". Así de contundente o afirma a sobriña dun dos afectados en Flariz (Monterrei), ao que non lle deixaron ningún pemento no invernadoiro. 

Os produtores de Oímbra tamén se lamentan desta vaga de ladroízos

Un dos carteis colocados nun dos predios afectados polos furtos, en Flariz (Monterrei). | FOTO: Cedida.
Un dos carteis colocados nun dos predios afectados polos furtos, en Flariz (Monterrei). | FOTO: Cedida.

Non denuncian porque din os veciños afectados "que non serviría de nada e porque, aínda que estamos pendentes de colleo coas mans na masa, non temos todavía probas para facelo". Por iso que varios cidadáns da localidade de Flariz, no Concello de Monterrei, veñen de colocar nestes últimos días algúns dos carteis que se recollen nas imaxes nas súas hortas, espazos que están sendo vítimas de furtos continuados, non só en Flariz senón tamén na veciña aldea de Sandín.
Natalia Domínguez é sobriña dun dos últimos afectados pola visita miserable do caco, e ela mesma xa desistiu de plantar algúns dos produtos "porque isto non é unha cousa de agora, xa é de anos atrás". "Ao meu tío, dentro dun invernadoiro, leváronlle todo, a produción dunhas vinte ou trinta pementeiras, e o curioso do caso é que só levaron os da variedade de Oímbra, os italianos deixáronos todos", relata cun visible enfado. 

Case é mellor que non o colla no allo porque vai probar o meu sacho (unha das veciñas afectadas en Flariz)

Ela foi unha das precursoras nisto de anunciar as batidas de vixiancia e á súa iniciativa xa se lle sumaron algúns máis. Nas súas fincas advirten claramente mediante tan ilustrativa mensaxe que "elle mellor que desista desa actitude, porque se eu o collo no allo asegúroche que vai probar o sacho doutro xeito moi distinto ao que se utiliza nestes casos", afirma Domínguez Rodríguez. "O que non pode ser é que un ou varios desalmados acaben ca produción dunha xentiña que, moitas veces ata sen poder moito, se esforzan para ter nesta época produtos da horta do máis sano e ecolóxico", remata. 

ladron2Nun dos carteis fanlle ao ladrón unha sensata recomendación: "Se queres comer, planta!". | FOTO: Cedida. 

Non foi a súa familia a única que sufriu o ataque dos amigos do alleo e teñen, logo de comentaren as pesquisas entre os veciños, algúns sospeitosos, "ata lle sabemos a medida do pé, porque polo menos son dúas persoas distintas as que están entrando nas hortas", apunta, ao máis propio estilo do C. S. I., Natalia Domínguez.

Mesma praga tamén en Oímbra

Do mesmo problema se queixaban días atrás tamén os produtores da terra por excelencia do pemento, Oímbra. Neste caso, aínda que non teñen cuantificadas as perdas, "si que son importantes porque xogan ca impunidade que lles dá a falta de vixiancia e o feito de que as nosas extensións sexan de maior superficie que unha horta dun particular e que se atopen no monte ou moi próximas a unha estrada, co que lles facilita a fuxida no caso de que sexan albiscados", di un deles. 
Tanto en Oímbra como en Flariz, no Concello de Monterrei, os afectados sinalan claramente que "non teñen por que ir ás hortas de ninguén sen permiso", di Natalia Domínguez, "creo que ninguén lle vai negar uns pimentos ou unhas cebolas se as piden, porque non é só o que levan, senón tamén o que destrozan nos invernadoiros e nas hortas ao ir de noite. Tamén atopamos ao día seguinte plantas quebradas por andar a correr e sen moita iluminación", conclúe. 

 

Veciños de Flariz, en Monterrei, vixían pola noite ós cacos que lles están a furtar...
comentarios