Xoves. 28.03.2024
O alto tribunal galego sácalle as cores tanto ao Xulgado do Contencioso de Ourense coma a José Luis Suárez

O TSXG obriga ao alcalde de Monterrei a pedirlle ao Ministerio de Hacienda que investigue ao secretario municipal

"Repaso" sen as máis mínimas consideracións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao Xulgado número 2 dos do Contencioso de Ourense e ao alcalde do Concello de Monterrei, José Luis Suárez. Os maxistrados do alto tribunal autonómico afean o fallo do primeiro e a actuación do rexedor local, de quen din que "se atribuíu competencias que non lle correspondían" ao instruír e arquivar un expediente contra o secretario municipal. 

O alcalde, José Luis Suárez, no centro; o secretario, á esquerda, e de costa a denunciante, Carmen Sola. | FOTO: Noelia Caseiro.
O alcalde, José Luis Suárez, no centro; o secretario, á esquerda, e, de costas, a denunciante, Carmen Sola. | FOTO: Noelia Caseiro.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de estimar, na súa integridade, o recurso interposto pola agrupación política Veciños de Monterrei contra unha anterior sentencia do Xulgado número 2 dos do Contencioso de Ourense, de data 29 de abril de 2019, pola que se desestimaba a pretensión desta formación de que o alcalde da localidade, José Luis Suárez, instase ao Ministerio de Hacienda a iniciar unha investigación ao secretario municipal por unha suposta responsabilidade disciplinaria por razóns de incompatibilidade, ao permitir que a entidade mercantil da que este era conselleiro facturase case 60.000 euros entre os anos 2012 e 2015 ao Concello do que el mesmo era Secretario-Interventor. 

No seu día, a voceira de Veciños de Monterrei, María del Carmen Sola, entendeu que podería existir algún tipo de actividade punible na conduta do funcionario público ao autorizar pagamentos por importes de 3.961,41 euros (2012), 14.129,58 euros (2013), 21.565 euros (2014) e 16.993,91 euros (2015) a unha sociedade limitada familiar da que foi conselleiro entre setembro de 2005 e marzo de 2017.

Así llo fixo saber Carmen Sola á Fiscalía de Ourense, que se ben non apreciou delito no comportamento do funcionario público, si entendeu o Ministerio Fiscal que esa conduta "podería ser merecedora de responsabilidade disciplinaria por razóns de incompatibilidade". A voceira da agrupación veciñal requeríulle entón, logo desde ditame da fiscalía, ao rexedor de Monterrei que abrise a investigación solicitada e dése parte ao Ministerio de Hacienda para a instrucción do correspondiente expediente. 
Pola contra, o alcalde, José Luis Suárez, lonxe de solicitar a intervención da Administración General del Estado por tratarse dun funcionario con habilitación nacional, por decreto e logo de escoitar ao seu secretario, resolveu que non se observaba infracción disciplinaria algunha que se lle poidese atribuír ao Secretario-Interventor municipal. 

Os feitos denunciados revisten, en principio, entidade suficiente para unha exhaustiva investigación polo órgano competente aludido -o Ministerio de Hacienda- (recolle a sentencia do TSXG)

Esa resolución municipal acabou nos xulgados e é agora o máximo tribunal autonómico o que lle vén a dar a razón a Veciños de Monterrei afeando, de xeito expreso e contundente a resolución do alcalde. Os maxistrados entenden que "os feitos denunciados revisten, en principio, entidade suficiente para unha exhaustiva investigación polo órgano competente aludido -o Ministerio de Hacienda- (...). Resulta inadmisible, por máis que a sentencia apelada así o xustifique, que o máximo responsable da Corporación, atribuíndose facultades que non lle corresponden, se erixa, sen tan siquera instruír un procedimento ad hoc, xa non nun órgano valorador da conduta atribuída senón, e o que é máis grave, nun órgano decisor da inexistencia da infracción", recolle, de maneira literal, o fallo do alto tribunal, que califica de "carpetazo" o dado a unha cuestión "de tal calado" por parte de alcalde Suárez Martínez. 

Afean tamén o fallo do Contencioso

Non queda aquí o repaso dos maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Na sentencia tamén afean o fallo do xulgado de instancia calificando de "sorprendente que o xulgador de instancia considerase que non é misión do alcalde ser correa de transmisión de denuncias, nin asumir a obligación de elevalas ao órgano competente". E, por se quedase algunha dúbida, os maxistrados precisan: "Se o alcalde da Corporación local ten coñecemento dun feito que pode ser constitutivo dun ilícito administrativo, acaecido, ademais, no seo da entidade local que preside, está obligado a trasladar ao órgano competente nacional a situación ao obxecto de que, polos cauces normados, se resolva ao respecto", sinalan no fallo. 

Así, logo, trala dura exposición dos fundamentos de dereito na sentencia coñecida hoxe, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deixa sen efecto a decisión do alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, de arquivar a investigación que el mismo iniciara contra o secretario municipal, e condena "en consecuencia, ao Concello demandado para que, a través do seu Alcalde-Presidente, eleve ao Ministerio de Hacienda y Función Pública a denuncia formulada polo Grupo Municipal Veciños de Monterrei contra o Secretario-Interventor de dito ente local, pola presunta comisión dunha infracción disciplinaria por razóns de incompatibilidade", deixando, iso si, aberta a posibilidade de que o Concello de Monterrei interpoña recurso de casación ante o Tribunal Supremo. 

O TSXG obriga ao alcalde de Monterrei a pedirlle ao Ministerio de Hacienda que...