miércoles. 24.04.2024
Nelson Fernández, 'Fiti', no interior da igrexa de Santa María de Mixós, en Monterrei.

Alguén reparou en que esta pequena igrexa, situada en Mixós, Monterrei, é un dos grandes tesouros da nosa comarca? Efectivamente, no seu interior agocha unha historia -descomunal para o seu tamaño- que incluso podería ser a envidia de moitos dos templos centenarios, e que a levou a ser declarada Monumento Histórico-Artístico no ano 1931.

Igrexa de Santa María de Mixós.Igrexa de Santa María de Mixós.

Está datada, de maneira estimada, do século IX, incluso antes da chegada da arte románica, que trouxo consigo a gran revolución da escultura e a arquitectura a Galicia. "Hai un pouco de confusión coa orixe, hai historiadores que incluso a sitúan entre os séculos VI e VII polo que non está demasiado clara", conta Nelson Fernández, máis coñecido como 'Fiti', o gran coñecedor dos segredos deste templo.

Non está clara a súa orixe, hai historiadores que a sitúan entre os séculos VI e VII pero oficialmente pertence ao IX (Nelson Fernández, 'Fiti')

Á vez que realizaba os labores de mantemento, investigou sobre a historia desta ermida que, por estar situada nun lugar estratéxico da Vía da Prata -e a tres quilómetros do Castelo de Monterrei-, atraía a moitos visitantes. Agora, despois da súa aprendizaxe autodidacta, organiza visitas guiadas a esta igrexa que están gozando de moi boa acollida. "Vén moitísima xente de Madrid, Zamora, Cádiz... De toda Galicia. Este ano ata tiven xente de Perú e peregrinos que me piden que lles poña o selo do Camiño", afirma, rindo.

Características arquitectónicas

Orixinalmente, tratábase dun templo de tres naves, separadas por arcos de ferradura, e de tres tres ábsidas -construcións semicirculares cubertas cunha bóveda de ladrillo-, soportadas por aras romanas. Hoxe en día, das naves orixinais só queda unha, que foi reconstruída. "Aí pódense distinguir aínda pinturas do Pantocrátor, que datan do século XIII e, nas aras, varias inscricións en latín adicadas a unha deusa lusitana", relata Fiti. 

Pantocrátor da igrexa de Santa María de Mixós, Monterrei.Pantocrátor da igrexa de Santa María de Mixós, Monterrei.

No eixo central, pode observarse unha imaxe do Santo Cristo, o patrón da localidade, e do bispo Rosendo, fundador do Mosteiro de Celanova, ao que pertencía esta igrexa. "Despois xa pasou ás mans do Conde de Monterrei", conta Fiti. Tamén, no interior, chama a atención un iconostasio, moi ben conservado, que antigamente separaba aos fieis dos sacerdotes. "Data da era visigoda, pero tamén era típico das igrexas ortodoxas"; e unha pía bautismal na que aínda se conserva a policromía.

imgDataA pila bautismal con policromía.

Xa no exterior, no muro da igrexa, sobresae un sarcófago dun monxe guerreiro para o que aínda non atopan explicación. "Non souben descubrir como chegou á parede", conta, sorprendido. 

A sepultura do monxe na igrexa de Santa María de Mixós.A sepultura do monxe guerreiro na igrexa de Santa María de Mixós.

Crenzas inmortais

Conta Fiti que existía unha antiga ofrenda das mulleres embarazadas á Virxe das Virtudes, tamén coñecida como a Virxe do Leite na zona. Consistía no lavado do peito na fonte da virxe para lograr ter suficiente cantidade coa que alimentar aos bebés. "Despois de moitos anos, retomamos esa práctica cando naceu o meu fillo Martiño. Parece que funcionou porque tomou peito ata os 17 meses", rí.

Outra tradición, esta vez cunha ofrenda á virxe dos Remedios, consisitía en "subir ao alto do monte no que estaba a capela de San Salvador. Alí facíase unha romaría, ían os de Mixós e os de Albarellos e ao baixar ofrecíanlle terra á virxe, para beneficiar aos cultivos".

Hoxe en día mantense viva a festa na honra ao Santo Cristo, que se celebra cada 14 de setembro.  É habitual que todos os veciños se reúnan na igrexa de Santa María coa coñecida procesión das candeas ao máis puro estilo dos Milagres. "Facémola con candeas dende hai 7 ou 8 anos porque é máis atractiva. E, facéndoa pola noite, aínda que sexa entre semana, conseguimos que ningún veciño teña problemas de asistencia", conclúe.

A procesión das candeas deste martes en Mixós. | FOTO: Xosé Lois ColmeneroA procesión das candeas deste martes en Mixós. | FOTO: Xosé Lois Colmenero

NOTICIAS VERÍN | A igrexa de Mixós, unha xoia prerrománica ao amparo de Nelson...