Xoves. 28.03.2024
plenomonterrei
O alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, dirixíndose ao resto de membros da Corporación local no pleno urxente deste 10 de xullo.

Foi un pleno de trámite, pero non de extraordinaria importancia. Na sesión desta mesma mediodía no salón do Concello de Monterrei, extraordinaria e urxente logo das riadas do pasado luns 8 de xullo, todos os grupos que constitúen a Corporación (Partido Popular, Veciños de Monterrei e BNG) acordaron instar ao Goberno central a que declare de xeito oficial a zona de emerxencia con carácter de urxencia e poder acollerse así a todas as axudas que dende o Estado estean a disposición para este tipo de catástrofes naturais. 

Ademáis desa solicitude, o plenario acordou tamén coa mesma unanimidade solicitar á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense tanta axuda como financiamento sexan precisos para paliar, na medida do posible, os danos e o impacto das consecuencias da treboada da tarde do luns. 

Tamén os tres grupos da Corporación requerirán ás dúas mencionadas institucións que se estuden as posibles accións de apoio a unha das actividades primordiais do Concello de Monterrei, que non é outra que a vitivinícola. Así, no acordo deste mediodía, dende o Concello de Monterrei se insta á Xunta e á Deputación para que habiliten diferentes liñas de axuda e beneficios fiscais para aqueles produtores que se viron afectados pola inxente tromba de auga do luns. 

Non faltou tampouco unha petición expresa para que o ente autonómico interceda polo Concello de Monterrei perante a Confederación Hidrográfica del Duero e "tome as medidas oportunas relativas á limpeza, roce e mantemento dos leitos dos ríos, regatos e canles no municipio", reflicte o acordo. 

AVALIACIÓN DE DANOS

O alcalde, José Luis Suárez Martínez, fixou, de xeito inicial, en 1,5 millóns de euros os danos ocasionados en infraestruturas públicas, como poden ser o mobiliario urbano, estradas, camiños rurais, pistas forestais, redes de abastecemento, saneamento, depuración, iluminación pública ou zonas verdes. Ao anterior, como así explicaba o rexedor na lectura do acordo, "haberá que sumarlle os gastos en limpeza e retirada de entullos". 

No caso dos particulares, as perdas son cuantiosas, tanto no que a vivenda e enseres se refire, como tamén a aqueles ocasionados nas producións agrícolas, "un importe que é a día de hoxe imposible de valorar ao estar aínda os veciños facendo o reconto de perdas e estaren éstas pendientes de comunicar ao Concello", apuntou o primeiro edil de Monterrei. 

Monterrei reclama por unanimidade ser declarado zona de emerxencia