xoves 17.10.2019
Tamén haberá unha exposición de gaitas dos países eslavos

Monterrei acollerá este sábado a músicos de Alemaña, Bélxica, Croacia e España

A XXXIV edición da “Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, evento declarado de Interese Turístico e Cultural, acollerá o vindeiro sábado 8 de xuño no castelo de Monterrei a músicos procedentes de países coma Bélxica, Croacia, Alemania e España.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, salientou que este evento se converteu “nun prestixioso foro de ámbito mundial polo que pasaron os máis destacados gaiteiros". 

Presentación da XXXIV Xuntanza Internacional de Gaiteiros en Monterrei. Fonte: Deputación de Ourense.
Presentación da XXXIV Xuntanza Internacional de Gaiteiros en Monterrei. Fonte: Deputación de Ourense.

A presentación da XXXIV edición da “Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, evento declarado de Interese Turístico e Cultural, tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; e a educadora social do Concello de Monterrei, Cindy Manso.

O evento, que será no castelo de Monterrei o vindeiro sábado, día 8 de xuño, tamén contará coa inauguración dunha exposición de gaitas procedentes dos países eslavos que se poderá visitar no Hospital do Peregrino, no castelo de Monterrei, ata o día 15 de xullo en horario de 11:00 h a 14:00 h e de 16:30 h a 20:30 h, de mércores a domingo. Suárez destacou a importancia que ten para o seu municipio acoller a Xuntanza e esta exposición que contribúen “a dar valor ao gran patrimonio arquitectónico da comarca”.

Rosendo Fernández salientou que este evento se converteu “nun prestixioso foro de ámbito mundial polo que pasaron os máis destacados gaiteiros, e supón un complemento ás actividades da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense”. Pola súa parte, Xosé Lois Foxo asegurou que esta Xuntanza “marca a historia da Escola Provincial de Gaitas, que leva 34 anos facendo cultura e convertendo a Ourense nun referente cultural”. 

A Xuntanza comezará ás 12.30 horas no Hospital do Peregrino coa apertura da exposición, na que intervirán conferenciantes para falar da gaita galega, a gaita pastoril europea, a musette barroca, a gaita escocesa, a cuestión técnica na gaita galega e, sobre as gaitas eslavas. Pola tarde, a partir das 19.00 horas, comezarán as actuacións musicais no patio do Castelo. Este ano, ademais, a Xuntanza únese á campaña “Agresión OFF. Eu digo non á violencia sexual”, cun stand informativo.

Monterrei acollerá este sábado a músicos de Alemaña, Bélxica, Croacia e España
comentarios