Xoves. 28.03.2024
As lapas cebáronse durante a tarde e a noite coa localidade da Salgueira, en Monterrei. | FOTO: Noelia Caseiro.
As lapas cebáronse durante a tarde e a noite coa localidade da Salgueira, en Monterrei. | FOTO: Noelia Caseiro.

Foi unha noite longa no Concello de Monterrei. Ata ben entrada a madrugada os traballos de extinción centrábanse en protexer ao núcleo rural da Salgueira, no Concello de Monterrei. Cara as 3:00 horas desta xa 25 de xullo, chegaban á localidade 64 militares de Unidade de Emerxencias do Exército español, que desenrolaron actividades de protección do perímetro das vivendas, así como traballos específicos da loita contra as lapas. 
O lume, que comezou na estrada que une San Martiño (Cualedro) coa Caridade (Monterrei) cara as cinco da tarde de onte, leva xa calcinadas unhas 450 hectáreas, segundo as estimacións que acaba de ofrecer a Consellería de Medio Rural. A súa evolución levouno, xa ben entrada a noite deste 25 de xullo, ás inmediacións do vello balneario de Requeixo (Villaza, Monterrei) e aos montes da localidade veciña das Chas, no Concello de Oímbra. As lapas tamén devastaron grande parte da superficie entre as localidades da Salgueira e Medeiros.
Entre os principais danos atópanse viñedos, cultivos agrícolas, soutos de castiñeiros, e mesmo varias explotacións apícolas se viron tamén seriamente danadas

Desactivada a Situación 2


A declaración de Situación 2 decretábase pouco antes da medianoite para, entre outras medidas, solicitar a presencia da Unidade Militar de Emerxencias, que cara as tres da madrugada destinaba sobre o terreo a 64 efectivos. 
Ás 9:00 horas, Medio Rural informa xa da desactivación da Situación 2, ao xa non estaren comprometidas a seguridade de vivendas e cidadáns polas lapas. Pola tarde, por contra, si chegaron a estar moi próximas ás construccións, nalgún casos o lume achegouse a menos de 10 metros dalgunhas das máis alonxadas do núcleo da Salgueira. 

umeEfectivos da UME traballando na extinción do lume, esta madrugada. | FOTO: UME.

O incendio permanece activo desde que se orixinou ás 17,05 h. de onte e para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 11 axentes, 21 brigadas, 18 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 9 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Incendio de Queirugás


Permanece como controlado desde as 14:43 h. de onte o incendio do concello de Verín, parroquia de Queirugás, que se iniciara o mércores. Segundo as últimas estimacións, afecta a unha superficie provisional de 144 hectáreas. Neste lume levan traballado ata o momento 1 técnico, 16 axentes, 30 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 9 avións.

O lume que asediou a Salgueira calcinou xa en Monterrei máis de 450 hectáreas