venres 30/10/20

As lapas avanzan sen control en tres aldeas do Concello de Monterrei

Nestes momentos atópanse catro importantes focos en A Caridade, A Salgueira, Flariz e Medeiros. O incendio comenza a desprazarse cara o municipio de Oímbra. 

O incendio activo preto de Salgueira. | FOTO: Noelia Caseiro.
O incendio activo preto de Salgueira. | FOTO: Noelia Caseiro.

O lume concéntrase en numerosos focos, dos cales cabería destacar un nas inmediacions de San Pedro de Flariz, na estrada de acceso dende a Salgueira a Flariz; outro na Salgueira, que xa superou os momentos máis difícles; outro á altura da aldea da Caridade e outro que xa superou a Salgueira e vai camiño das Chás, no Concello de Oímbra.

A tarde foi tremendamente angustiosa para os veciños da Salgueira, que viron a súa aldea asediada polo norte, polo leste e polo sur. As lapas non só afectaron ao monte baixo, tamén a moita arboreda, poboacións de castiñeiros e tendido eléctrico e de telefonía. A estimación aproximada da superficie afectada é de 100 hectáreas. 

Ás 22:00 horas, xa se retiraron os medios de extinción aéreos, o aire está tirando de compoñente sur e preséntase unha noite bastante perigosa porque as lapas están avanzando sen control. O incendio estase intentando controlar por medios terrestres. 

Non se desaloxou ningunha vivenda, pero sí se mobilizaron todos os veciños na aldea da Salgueira para tentar evitar a chegada do lume ás casas. Tanto é así que a cantidade de expectación estaba entorpecendo, nos últimos momentos, as labores de extinción. 

As lapas avanzan sen control en tres aldeas do Concello de Monterrei
comentarios