sábado 24.08.2019
O candidato por Ourense de En Marea visitou a fortaleza e o CDR Portas Abertas de Vilardevós

Iván Olmos reclamará en Madrid "devolverlle o castelo aos veciños de Monterrei"

O número un da lista de En Marea ao Congreso dos Deputados o vindeiro 26 de abril, Iván Olmos, achegouse onte ata a comarca de Monterrei para visitar a fortaleza -acompañado dunha activista da Plataforma na súa defensa- e o Centro de Desenrolo Rural Portas Abertas de Vilardevós.

Iván Olmos e Carmen Sola, no castelo de Monterrei.
Iván Olmos e Carmen Sola, no castelo de Monterrei.

Unha representación da formación En Marea, encabezada polo número un da lista ao Congreso por Ourense, Iván Olmos, visitou onte á tarde a comarca para coñecer, de primeira man, algunha das "eivas deste territorio", en palabras de Olmos Ferreiro. A primeira parada tivo lugar na fortaleza de Monterrei. Alí, agardábao Carmen Sola, líder de Veciños de Monterrei e membro activa da Plataforma en Defensa do Castelo. Acompañou en todo momento ao cabeza de cartel de En Marea, dándolle conta do acontecido nos últimos anos no entorno do monumento, e en especial comprobando con deteñemento as fochancas que presenta o camiño Real dende o Norte.

Iván Olmos e Carmen Sola, no castelo de Monterrei.

Iván Olmos asegurou, no transcurso desa visita, que unha das 299 medidas que a formación a que representa ten moito que ver coa loita emprendida anos atrás pola Plataforma: "Unha das nosas medidas de urxencia para Galicia será presionar ao Goberno de Madrid para que inste á Xunta a que este castelo volva para o patrimonio público, estrictamente público".

Iván Olmos e Jorge Lorenzo, con Tamara Balboa, do CDR Portas Abertas.

O limián e aspirante a obter escano na Cámara Baixa estatal aproveitou tamén para coñecer de primeira man as instalacións do Centro de Desenrolo Rural Portas Abertas de Vilardevós. O CDR participou, acompañados polos seus homólogos de Lodoselo (Sarreaus), na manifestación do pasado domingo en Madrid, esixindo da Administración do Estado medidas de discriminación positiva cara o rural galego. Alí, Tamara Balboa recibíu a Iván Olmos e a Jorge Lorenzo -número tres ao Senado e veciño de Laza-, quen lle trasladou as súas inquedanzas e propostas surxidas da propia experiencia da entidade na que presta os seus servizos, ao tempo que Olmos lle fixo partícipe das iniciativas que En Marea levará ao Parlamento español de cara á loita contra o despoboamento no rural.  

Iván Olmos reclamará en Madrid "devolverlle o castelo aos veciños de Monterrei"
comentarios