Os casos activos pasaron de 40 a 73 na última semana na comarca de Monterrei

Cualedro e Monterrei duplican a taxa dos 250 casos por cen mil habitantes, límite para o risco de transmisión descontrolada

O Sergas realizará un cribado poboacional en Verín a partires deste domingo.

Vertixinoso avance de coronavirus en Cualedro, cun preocupante gromo que podería ter ramificacións na escola e na residencia de anciáns, e en Monterrei, onde a taxa de incidencia por cada 100.000 habitantes case duplica a recomendada para evitar unha transmisión descontrolada da enfermidade, segundo o Ministerio de Sanidad. 

Xa non lle queda dúbida, ás autoridades sanitarias, de que a situación de Verín e a súa comarca "volve a ser moi preocupante". Nas últimas dúas xornadas os casos da covid - 19 medraron a un ritmo de máis de dez cada 24 horas. Entre a mediodía de onte e a de hoxe, 15 son os novos positivos que se incorporan á estadística, repartidos do seguinte xeito:

  • Castrelo do Val: + 3 (5 casos activos)
  • Cualedro: + 3 (8)
  • Monterrei: + 2 (12)
  • Riós: + 1 (4)
  • Verín: + 6 (44)

Cos incrementos experimentados nos gromos de Cualedro e Monterrei, estes dous municipios veñen de situarse moi por enriba da que se considera taxa límite na que se dá, segundo o Ministerio de Sanidad, o risco de transmisión descontrolada. Os 8 casos activos nos últimos 14 días de Cualedro supoñen alcanzar os 500 por cada 100.000 habitantes. Neste concello están a chamar aos alumnos do CEIP que compartiron mesa de comedor cun dos cativos positivo do municipio.  

No caso de Monterrei, ese índice de diagnósticos por cada 100.000 habitantes non está moi lonxe: 480
.

Verín segue subindo e alcanza, cos seis novos positivos nas últimas 24 horas, unha taxa de 323 casos por cada 100.000 habitantes.