Un coruñés gaña a terceira edición do concurso de pintura rápida de Monterrei
Non era difícil percorrer este sábado os recunchos da fortaleza de Monterrei e non atopar un lenzo a medio facer antes das 19:30 horas, que era o prazo límite que tiñan os 11 artistas que participaron na terceira edición do concurso internacional de pintura rápida para entregar as súas obras. Pouco despois das 20:00 horas coñeceuse ao gañador, o coruñés Manuel Carballeira.
Un total de 11 artistas chegados da provincia, do resto da comunidade autónoma e mesmo de Asturias participaron este sábado na terceira edición do concurso de pintura rápida do Concello de Monterrei, que se repartiron por varias das localizacións da fortaleza para, en 8 horas, ter rematadas as súas obras.
Manuel Carballeira, da Coruña, foi o gañador do certame e o posuidor, logo da entrega de premios, dos 1.000 euros que lle otorgaba a organización ao vencedor. O pontevedrés Eduardo Pérez recibiu 500 euros pola súa pintura, como segundo clasificado, e a terceira clasificada, a asturiana de Xixón Montse Valera, unha escultura de Xosé Gómez Rivada, o polifacético artista de Verín que con Fernando Barreira e Rafael Castro, conformaron o xurado desta edición.
Na entrega de premios e posterior convite no Hospital da Trinidade, agora convertido en Centro de Exposición dos produtos da comarca de Monterrei, estivo presente o rexedor municipal José Luis Suárez Martínez.