viernes. 19.04.2024
As lapas poñen en serio perigo as vivendas en San Cristovo (Monterrei). | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
As lapas poñen en serio perigo as vivendas de San Cristovo (Monterrei). | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O incendio que comezou cara as 14:15 horas deste mércores, 29 de xullo, en San Millao (Cualedro), segue estando activo e queima propiedades, viñas e cultivos.

O desaloxo dos veciños de San Cristovo, en Monterrei, causou momentos de angustia durante a tarde: o núcleo da localidade viuse ameazado polas lapas, algúns animais morreron asfixiados e os habitantes do lugar non podían actuar mentres vían o lume achegarse aos seus fogares. 

Mª Del Carmen Rodríguez Simón vive na estrada que comunica San Cristovo con San Millao. Ás 17:14 horas desta tarde, a súa vivenda foi desaloxada porque as lapas ameazaban con alcanzala de cheo.

A veciña da parroquia móstrase verdadeiramente indignada porque non só non se contou con medios de extinción para atallar o lume na súa vivenda senón que, ademais, había un importante perigo porque non se tiñan realizado os desbroces oportunos en varias das fincas que estaban pegadas ao núcleo de poboación. 

Existiron momentos nos que se temeu unha catástrofe, porque o aire era furacanado e sopraba en dirección ao núcleo da parroquia. As lapas alcanzaron as vivendas, aínda que sen causar danos materiais importantes

O conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, que se atopaba en Santiago de Compostela, desprazouse inmediatamente á zona para comprobar os danos ocasionados e estar vixiante da afectación que podía ter o lume, tanto nas inmediacións de San Cristovo como nos fogares.  

O Conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, reunido cos equipos de extinción. | FOTO: Noelia Caseiro.O conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, reunido cos veciños de San Cristovo. | FOTO: Noelia Caseiro.

Nese momento, mentres José González Vázquez se atopaba visitando as leiras afectadas polo lume, Mª Del Carmen (veciña e propietaria), dirixiuse a el recriminándolle que os equipos de extinción "non chegaron cando realmente foron solicitados".

O conselleiro de Medio Rural explicou máis tarde, ante os medios de comunicación, que comprendía o nerviosismo e inquedanza dos veciños que vían en perigo os seus fogares. José González conclúe: "Dende Medio Rural apelamos á concienciación cidadá para que nos den toda a información que sexa posible para acabar con esta lacra".

Situación 2 continúa activada como medida preventiva e, para a extinción, lévanse mobilizado: 1 técnico, 8 axentes, 22 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 12 avións, segundo informacións de Medio Rural. Ata ás 22:30 horas as hectáreas arrasadas superaban xa as 700, segundo os datos da consellería e as lapas xa entraran no Concello de Oímbra, nos montes das localidades de Espiño e Bousés. 

 

O lume dalle un respiro aos veciños de San Cristovo despois de pór en perigo casas e...