venres 10.07.2020
O primeiro pleno que ten lugar logo da pandemia e xa no remodelado edificio aprobou varias modificacións orzamentarias

O Concello de Monterrei rescata a explotación das piscinas, que non abrirán este verán

Aínda que non ía na orde do día, si saiu coma un dos puntos de maior debate no primeiro pleno logo da "era COVID-19" que ten lugar no Concello de Monterrei, coa remodelada casa consistorial a piques de ver as obras rematadas: as piscinas municipais non abrirán neste verán. Xa hai protestas dos veciños. 

O pleno do Concello de Monterrei tivo lugar na remodelada casa consistorial. | FOTO: Noelia Caseiro.
O pleno do Concello de Monterrei tivo lugar na remodelada casa consistorial. | FOTO: Noelia Caseiro.

Foi un pleno longo e con máis dunha ducia de puntos na orde do día, aínda que o último, o de rogos e preguntas protagonizou grande parte do debate. Foi aquí cando se lle preguntou ao grupo de Goberno que preside José Luís Suárez Martínez cal ía ser o futuro inmediato das piscinas municipais, que presentan un estado lamentable. E a resposta non foi a máis aplaudida polo resto dos concelleiros, aínda que xa era a agardada. As instalacións, logo de que a empresa concesionaria renunciase á súa explotación por non lle ser rendible, permanecerán este verán pechadas e só se lle efectuará "un pequeno lavado de cara para que non den esa imaxe de desleixo que agora teñen", asegurou o rexedor popular, quen recoñeceu que "é unha decisión difícil para nós pero agora mesmo a nosa prioridade son os pobos porque se achega o verán e lévase sen traballar no desbroce deles todos estes meses. Ademais, non sabemos o que nos vai vir aínda da enfermidade, e este concello veríase na obriga de contratar a moito máis persoal para tentar cumprir as medidas de seguridade esixidas pola Xunta de Galicia", explicaba Suárez Martínez. 

pisci1As piscinas de Monterrei, en Albarellos, presentan un estado lamentable. | FOTO: BNG Monterrei. 


Si recoñeceu o alcalde que "tentarase acondicionar un pouco o seu entorno para que non presenten esa imaxe, pero non será ata o vindeiro ano e logo de termos a pandemia totalmente controlada cando volverán a abrir baixo a xestión do Concello, aínda que o bar si será de explotación foránea", dixo José Luís Suárez.
A medida non gustou nada aos membros da oposición, como tampouco a un grande número de veciños que xa fixeron saber a esta redación que non respaldaban a decisión anunciada. As piscinas do Concello, en Albarellos (Monterrei), eran unhas instalacións moi demandadas pola cidadanía na época estival e non era difícil ver como se ateigaban nos días máis calurosos dos últimos anos. 

Nova concelleira delegada por un ano máis


Nese mesmo pleno tamén se tomaron outros moitos acordos, entre os que se destacan as modificacións orzamentarias que permitirán destinar os cartos presupostados para a Festa do Maior do día 1 de maio -que non chegou a celebrarse- aos pagos que orixinaron os servizos extraordinarios prestados polo Concello por mor da pandemia. Así, os 21.000 euros que custaría a celebración adicaranse agora a cuestións sociais. O mesmo ocorrerá cas partidas que estaban asignadas á contribución municipal das festas populares (que non terán lugar), eventos deportivos e aportacións ás diferentes asociacións veciñais ou de mulleres rurais. Nestas tres últimas partidas o importe que se aforra será de 9.000 euros. 
Tamén se acordou outorgarlle a representación municipal executiva en ausencia do alcalde a Rosa González Rivero, de Medeiros, que substitúe no cargo de concelleira delegada a Marina Salgado Carnero, como así se pactara ao inicio do mandato, de que cada ano do mesmo esa adicación total fose alterna entre ambas.  

O Concello de Monterrei rescata a explotación das piscinas, que non abrirán este verán
comentarios