luns 26/10/20
A sesión do mes de outubro só recolle a aprobación da acta anterior e os rogos e preguntas

O Concello de Monterrei gastará 1.000 euros nun pleno no que non haberá puntos na orde do día

Este mércores, ás 11:00 horas, os edís do Concello de Monterrei están convocados a unha sesión plenaria na que non haberá ningún punto destacado na orde do día, só a aprobación da acta anterior e a oportunidade de rogos e preguntas da oposición. 

El alcalde de Monterrei, José Luis Suárez Martínez.
O alcalde de Monterrei, José Luis Suárez Martínez, vén de convocar un pleno sen puntos na orde do día.

Mil euros, dos que 200 corresponderanlle só ao rexedor do Concello de Monterrei, José Luis Suárez Martínez -que mantén o privilexio de cobrar esa cantidade cando o resto dos edís só perciben 80 euros-, custaralle ás arcas municipais o pleno que está convocado para este mércores ás 11:00 horas e no que non hai ningún punto na orde do día destacado, máis alá dos sempre fixos da aprobación da acta da sesión anterior e o establecido para os rogos e as preguntas dos grupos da oposición. 

Na convocatoria non hai ningún outro punto que non sexan os fixos de cada sesión. 

Carme Sola, a voceira do principal partido da oposición, que conta con tres edís na Corporación, declarou que "nos parece unha verdadeira burla, no só á representación no pleno, senón a todas as veciñas e veciños do Concello de Monterrei. É como se non pasase nada neste municipio, ou o que ocorre non fose de entidade suficiente para debatir nunha sesión plenaria", di a representante de Veciños de Monterrei. 

Insiste Sola en que "non nos sorprende que así sexa, non é a primeira vez que convoca un pleno sen puntos. Como tamén non é a primeira vez que nos entrega a documentación da súa acción de goberno ata dous meses despois de que teña lugar, co cal, se sumamos o ter que esperar pola convocatoria do pleno, pode chegar a pasar ata catro meses dende que se tomou algunha decisión nas xuntas de Goberno", di Carme Sola. 

O Concello de Monterrei gastará 1.000 euros nun pleno no que non haberá puntos na orde...
comentarios