viernes. 19.04.2024
Tamén solicitan que se analice por que non houbo suficientes medios de extinción aquel 29 de xullo

Cen sinaturas pídenlle ó fiscal que investigue posibles neglixencias do Concello de Monterrei no lume de San Cristovo

Un cento de veciños de San Cristovo de Monterrei veñen de asinar un escrito enviado á Fiscalía de Ourense no que se lle solicita ao seu titular que se investiguen as posibles neglixencias das administracións competentes tanto nas tarefas de prevención como de extinción do lume do pasado 29 de xullo, no que case arden varias vivendas na localidade. 

Aquel 29 de xullo perigaron as vivendas de varios veciños de San Cristovo, no Concello de Monterrei. | FOTO: Noelia Caseiro.

Máis de cen veciños de San Cristovo, no Concello de Monterrei, todos vítimas das devastadoras consecuencias do lume daquel fatídico 29 de xullo, veñen de asinar un escrito enviado á Fiscalía de Ourense non que instan ao Ministerio Fiscal a que investigue as posibles neglixencias que poidera cometer o Concello de Monterrei en materia de prevención e limpeza das franxas de seguridade, e tamén a Consellería de Medio Rural no que ás tarefas de extinción dese día en particular se refire.


Segundo lle expoñen ao fiscal no escrito ao que tivo acceso Diario do Támega, "os veciños de San Cristovo observaron que todos os medios despregados non foron quen de evitar que o lume chegase ás casas e, aínda que se conseguiu que non ardera ningunha, a situación foi moi crítica e cun alto risco de quedar unha boa parte da poboación atrapada", din, asegurando que "moitos dos medios empregados permanecían inactivos mentres o lume avanzaba sen remedio", sinalan. 


Os asinantes tamén se preguntan que se o lume se declarou ás 14:00 horas e chegou ás inmediacións da aldea cara as 17:00 horas, como é que non se puido controlar e protexer ao núcleo "cos antecedentes de case dous meses sen choiva, uns índices de vexetación moi elevados, alta velocidade do vento, 35 graos de temperatura e tres poboacións -San Millao, Madanela e San Cristovo- moi cerca do foco inicial. Era máis que evidente que o lume ía ir cara algunha delas", conclúen. 

Todo isto indica que se produciron neglixencias e non só decisións equivocadas (recolle o escrito enviado ao Fiscal)

"Todo isto -proseguen-, indica que se produciron neglixencias e non só decisións equivocadas, o que nos fai sospeitar que o despregue de medios atende a outro tipo de intereses diferentes para o que están encomendados", reflicten no documento enviado ao Fiscal. 

O escrito remata solicitando que a investigación dos feitos ocorridos na extinción do lume declarado o 29 de xullo de 2020 se amplíe ás actuacións de prevención e, sobre todo, "á súa ausencia, responsabilidade das administracións públicas -Xunta de Galicia, Deputación provincial e Concello de Monterrei-, que poidan constituír prevaricación, deixadez de funcións ou calquera outra acción constitutiva de delito".

María del Carmen Rodríguez SimónMaría del Carmen Rodríguez, co escrito asinado por 100 veciños de San Cristovo de Monterrei. | FOTO: Noelia Caseiro. 

O documento foi presentando perante a Fiscalía Provincial de Medio Ambiente por unha das mulleres afectadas polo lume que case ve perder a súa vivenda, María del Carmen Rodríguez Simón -no vídeo que se acompaña, o día que case lle arde a súa casa-, aínda que a solicitude de investigación vai refrendada polas sinaturas de cen persoas máis que ela mesmo se encargou de recoller. 

Cen sinaturas pídenlle ó fiscal que investigue posibles neglixencias do Concello de...